A música para arpa é protagonista en Noia

As arpistas Laoise Kelly, Müsgo, Beatriz Cortesão, Elisabeth Cerra e Claudia Besné son cabezas de cartel dun evento que contará coas irlandesas The Pozzies, a orquesta folk SonDeSeu, a Real Filharmonía de Galicia, o dúo Gilles Chabenat & Daniela Heiderich e o alumnado de arpa das escolas galegas.
Rodrigo Romaní, director do festival.
photo_camera Rodrigo Romaní, director do festival.

A vila de Noia prepárase para celebrar, do 3 ao 6 de agosto, a décima edición do Noia Harp Fest, un evento que aposta pola diversidade estilística no seu cartel e cuxo fío condutor é a interpretación dun único instrumento: a arpa. 

A 10ª edición do Noia Harp Fest, organizado pola asociación homónima e Nalgures Producións, e dirixido por Rodrigo Romaní coa colaboración de Beatriz Martínez e Alba Barreiro, contará no seu programa cun total de nove concertos, que serán de acceso gratuíto para o público e que terán lugar en espazos singulares da vila. Ao longo de catro xornadas, estilos como o folk, a vangarda e a electrónica, as músicas populares galegas, francesas e alemás, ou mesmo a clásica contemporánea, percorrerán as rúas, prazas e recintos culturais de Noia. 

Así, a praza do Tapal, a igrexa Santa María A Nova, o Teatro Coliseo Noela ou o Liceo de Noia acollerán as actuacións de arpistas de recoñecida traxectoria, coma a irlandesa Laoise Kelly, a alemá Daniela Heiderich, as escocesas The Pozzies ou a catalá Müsgo; de novas intérpretes que están a espallar o seu talento nas mellores orquestras da Península Ibérica e Europa, coma a portuguesa Beatriz Cortesão ou as españolas Elisabeth Cerra e Claudia Besné; e de agrupacións claves para a difusión da música no territorio galego, como é o caso da Real Filharmonía de Galiza ou de SonDeSeu.

Ademais de artistas notábeis do ámbito galego, estatal e internacional, o NHF acolle tamén as persoas amadoras do instrumento ou que se están a iniciar na súa práctica, como é o caso do alumnado de arpa das escolas da Galiza. Esta pluralidade e diversidade da práctica artística, así coma das orixes das e dos participantes, fai do Noia Harp Fest unha proposta estimulante e próxima. 

Homenaxe a Emilio Cao

O 10º Noia Harp Fest dará comezo no serán da quinta feira 3 de agosto cunha sesión festiva que porá en valor o talento local. O alumnado das escolas de arpa da Galiza abrirá, por segundo ano consecutivo, o encontro.

Nesta ocasión, o estudantado renderá homenaxe a quen introduciu, por vez primeira, a arpa na música feita na Galiza, Emilio Cao, coa interpretación do seu O vals do mencer, arranxado especificamente para a ocasión. De seguido celebrarase unha foliada.