O Noia Harp Fest crea o I Premio Internacional de Composición

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia publicou as bases para participar nun certame de composición que ten como protagonista ese instrumento. Ademais dun premio en metálico, a obra gañadora estrearase en concerto, da man da Real Filharmonía da Galiza o vindeiro ano.
Savourna Stevensoń.(Foto: Nós Diario).
photo_camera Savourna Stevensoń.(Foto: Nós Diario).

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, o único festival da Galiza e do noroeste da Península Ibérica que ten como protagonista este instrumento, publicou esta pasada terza feira na súa páxina web as bases do I Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, un certame que nace ao abeiro do festival coa intención de promover e ampliar o repertorio das obras para arpa e orquestra. 

O galardón, que contará cunha achega económica de 2.000 euros para a composición gañadora desta edición, suporá a estrea da obra, en concerto, da man da Real Filharmonía da Galiza o vindeiro ano. 

As bases do certame

A convocatoria abriuse este 18 de maio e o prazo de presentación remata o 23 de decembro. Está aberto a compositoras e compositores de calquera nacionalidade e sen límite de idade.

Un xurado internacional, conformado por arpistas, directoras e directores de orquestra de recoñecido prestixio, será o responsábel de valorar e premiar as creacións, nas que se terán en conta, entre outros aspectos, a proposta creativa; o tratamento da técnica e da escritura para arpa; a coherencia, proporción e equilibrio no traballo técnico; ou o equilibrio entre dificultade e resultado musical.

Ademais, o tribunal valorará positivamente aquelas obras con referencias á música ou á cultura galega. 

Cada compositora ou compositor poderá presentar unha soa obra, que deberá ser orixinal e inédita, polo que non poderán participar pezas creadas froito dun encargo remunerado, premiadas noutro concurso ou que fosen interpretadas anteriormente en concertos ou actos públicos.

A nova composición será de tema libre, deberá estar escrita para arpa e orquestra (sen medios electroacústicos) e poderá ter unha duración de entre 10 e 15 minutos.

Comentarios