Máis

Muros vibra co Castelo Rock

O festival consolídase como referente no xénero na súa XIX edición ofrecendo un cartel amplo e moi variado.

The Rapants
photo_camera A banda de Muros The Rapants actuará hoxe no festival. / The Rapants

Un ano máis o Castelo Rock volve revolucionar a vida das rúas e das prazas de Muros celebrando a súa XIX edición. Desde hoxe e até a xornada de mañá o festival atraerá centos de persoas afeccionadas ao rock and roll e que visitarán a vila para desfrutar dun dos eventos máis importantes do xénero dos que se celebran na Galiza.

A organización do evento corre a cargo de ACRD Praia do Castelo, unha asociación sen ánimo de lucro que traballa para atraer os maiores expoñentes do panorama musical do momento ao Castelo Rock .

Durante a xornada de hoxe  actuarán Dakidarría, Sinkope, O'Funk'illo, The Rapants, Itaca Band, Tregua e La Duendeneta. Mañá será a quenda de El Drogas, Ilegales, Mafalda, Lola, Me fritos and the Gimme Cheetos, Archivo Adxunto e finalmente SergiCCDj. Así mesmo, a organización prevé a celebración de diferentes actividades e iniciativas dirixidas ao público máis novo do festival: a rapazada.

O festival celébrase nunha contorna privilexiada, o porto de Muros. Neste espazo o público poderá desfrutar dos concertos ao carón do peirao no que os mariñeiros amarran as súas embarcacións. Ademais, perto de alí, a pouco máis de dous quilómetros, localízase o muíño do pozo do Cachón e o parque natural no que se sitúa o cámping destinado a acoller aquelas persoas que veñan de fóra e que queiran durmir ao ar libre.

O muíño, construído no século XIX para moer o millo e hoxe convertido nun centro cultural, goza dun estado de conservación excelente. O seu funcionamento dependía do dique que controlaba a entrada de auga. Muros é música, mar e natureza.

Comentarios