Máis

O Mosteiro de Armenteira

Unha viaxe pola historia da arquitectura. O de Armenteira é un dos poucos mosteiros que manteñen a súa fachada primixenia.
armenteira
photo_camera Mosteiro de Armenteira. (Foto: Mancomunidade do Salnés)

Entre as rías de Pontevedra e Arousa, na comarca do Salnés e no concello de Meis, sitúase o Mosteiro de Armenteira. Unha obra arquitectónica que mestura diferentes estilos en consonancia coa sucesión de reformas no espazo. Gótico, mudéxar, barroco, renacentista e romano xúntanse nun mosteiro no que non queda moito dos seus tempos primixenios. Así, os primeiros documentos nos que se ten constancia do nome do cenobio datan de 1116 e crese que foi o cabaleiro da corte de Afonso VII, Ero, quen mandou construír este monumento, rematando incluso por ser o abade do mosteiro.

No ano 1523 produciuse unha das súas primeiras reformas e en 1837, despois das desamortizacións, aumentou o seu deterioro. Non sería até o ano 1961, coa fundación da Asociación Amigos da Armenteira por parte do fillo do escritor vilanovés Valle-Inclán Carlos del Valle, que se iniciaría un importante labor de restauración e de conservación do patrimonio.

A edificación do claustro iniciouse na segunda metade do século XVI, mais a súa construción alongouse durante case un século, o que se reflicte na variedade de estilos recollidos nas claves da bóveda.

O claustro, de planta cadrada, conta con 24 arcos de medio punto. A bóveda de poñente (situada cara ao oeste) presenta nas claves colgantes decoracións con motivos vexetais e dúas cabezas de serafíns. Mentres que a meridional (cara ao sur), opta por recoller anxos completos.

A pesar de todo isto, a do Mosteiro de Armenteira é das poucas igrexas que conservan a súa fachada primitiva, erixida entre os séculos XII e XIII. Aínda que xa pouco queda neste cenobio arousán do seu pasado prerrománico, si que podería considerarse como un exemplo da arquitectura sobria do Císter, destacando especialmente o gran rosetón, que se sitúa sobre a porta, e no que poden observarse círculos concéntricos con adornos elaborados de granito fino, ou a propia porta, outro dos elementos que sobreviviu ao tempo.

No interior do mosteiro é recomendábel ollar cara a arriba e contemplar a bóveda nervada de base octogonal, común tamén noutros lugares, mais pouco habitual en territorio galego.

Comentarios