Morre Víctor Campío, poeta de "voz heraclitana"

Dous endecasílabos pechan o soneto Se chego no solpor... de Víctor Campío Pereira: “Mais non me importa que se perda o canto. / Tanto me tén. A luz xa está perdida”. O poeta, de 90 anos, morreu esta terza feira. Deixa unha obra non moi ampla pero sólida, existencialista e clásica, civil e, como cualificou o seu colega e crítico Miro Villar, “heraclitana”.
 

víctor campío en 2013 distrito xermar
photo_camera Víctor Campío Pereira en 2013. Foto: Distrito Xermar / AELG.

O aire, a luz e o canto. Poesía reunida 1987-2006 (Pen Clube, 2008) xuntou os seus poemas en galego. O primeiro dos libros incluídos, O ar que nos leva (1987), destilaba décadas de escrita no illamento da ditadura. A memoria e os afectos, as sombras da resistencia e as voces dos devanceiros, certo ton elexíaco respiran nas súas páxinas, segundo explica Villar nunha recensión crítica publicada na revista Grial.

victorcampio cuberta

Por esa voz -18 textos publicados antes en revistas e volumes colectivos-, Perdida luz (2000) e Exilio digno (2006) -con non poucas composicións en homenaxe a represaliados polo fascismo- completan O aire, a luz e o canto. En 2011, a Deputación de Ourense e a Xunta encargáronlle a Xesús Alonso Montero a antoloxía Quince sonetos de amor e once poemas máis.

Nado en 1928 en Maside, Víctor Campío Pereira estudara no seminario de Ourense. Na facultade de Maxisterio da mesma cidade entrou en contacto con autores como Antón Tovar ou Pura Vázquez, que sobrevivían con discreción na escuridade franquista. Alí coñeceu unha figura decisiva para a conformación da súa escrita: o sacerdote antifranquista e poeta Faustino Rey Romero.

Da súa experiencia no servizo militar extraería, moitos anos máis tarde, a súa única novela: Baixo o sol do Magreb (1998). Era fillo predilecto do seu concello natal e socio de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

“O autor fixo da propia vida unha pulsión lírica”, consideraba Miro Villar no mencionado comentario, “mais nunca se sitúa como personaxe central e protagónico. Outro testemuño máis da humildade que o caracteriza como persoa e como poeta, que o é”.

Comentarios