Morre Alfonso Silvent, memoria de Barriga Verde e padriño das novas xeracións

Vén de morrer Alfonso Silvent, o fillo de José dos Bonecos, que mantivo a memoria do títere máis popular da Galiza no século XX, Barriga Verde, que percorreu o país da man da familia Silvent en feiras e festas de todo o país entre os anos 10 e os anos 60. 

alfonsosilvent
photo_camera Alfonso Silvent, no centro, e Comba Campoy, na inauguración de 'De feira en feira', en Lugo

Barriga Verde quedou na memoria de varias xeracións con expresións como “Morreu o Demo, acabouse a peseta”. Ademais, segundo a Asociación Cultural Morreu o Demo, que quere recuperar a memoria deste personaxe e dos titiriteiros, “supón a nosa forma autóctona dunha antiga tradición de títeres que se estende por toda Europa con personaxes como Guignol, Punch ou Pulcinella”. 

Comba Campoy, pertencente a este colectivo e autora dunha tese de doutoramento sobre Barriga Verde, explícanos que “Alfonso era o fillo máis novo de José Silvent, un dos creadores de Barriga Verde. Foi quen se preocupou de gardar boa parte destas escenografías e colaborou coa asociación Morreu o Demo. El nunca chegou a manipular marionetas, era o técnico da compañía familiar, formada polo pai, José Silvent, que era o manipulador, e a súa muller, responsable da billeteira, xunto con todos os fillos, que participaban neste espectáculo de varietés que sempre remataba cos títeres”. 

A finais dos 80 os titiriteiros mozos quixeron aprender as vellas técnicas e non tivo ningún problema en abrirlle as portas da súa casa e exercer como padriño de Viravolta, dándolle un pouco a súa benzón ao novo Barriga Verde

Campoy destaca a súa colaboración tanto coa asociación como na súa investigación da tese: “Tiña unha memoria bastante completa do espectáculo e contounos todo o periplo familiar. Alfonso soubo ser quen de romper coa desconfianza inicial, dado que a xente do sector gardaba con moito celo as técnicas e os segredos do oficio, pero a finais dos 80 os titiriteiros mozos quixeron aprender as vellas técnicas e non tivo ningún problema en abrirlle as portas da súa casa e exercer como padriño de Viravolta, dándolle un pouco a súa benzón ao novo Barriga Verde”. 

“Cando montamos a asociación tamén axudou moitísimo. Os bonecos estaban moi ben coidados na súa casa desde que morreu José e nun principio non lle facía graza que llos levaramos para a exposición, pero ao final decatouse de que era patrimonio de todos e rematou moi satisfeito”, conta a investigadora e activista. “Xa levaba anos con achaques e collía vida cando revivía aquela época e lle pediamos axuda ou información para estas cousas. Os seus últimos anos pasounos moi contento e satisfeito de ver que a memoria da súa familia ía ser preservada. El chegou a darse conta de que aquilo tiña un valor artístico”. 

Os seus últimos anos pasounos moi contento e satisfeito de ver que a memoria da súa familia ía ser preservada. El chegou a darse conta de que aquilo tiña un valor artístico.

No Museo das Marionetas de Lalín

Alfonso deixou en vida unha grande parte do material orixinal que tiña na casa en depósito no Museo Galego da Marioneta de Lalín, de titularidade  municipal, co obxectivo de que “puidesen ser coñecidos por todos”. 
Os Silvent é a familia que levou a Barriga Verde polas feiras de todo o país. José Silvent, de ascendencia francesa, introduciu o personaxe desde Portugal e achegou como grande innovación o formato da barraca para o seu espectáculo. Os seus irmáns Julia e Santiago levaron as súas propias versións do espectáculo por diferentes áreas do país, e a familia en conxunto foi responsable da introdución do cinema en moitas aldeas de Galiza. 

Comentarios