Contracultura

Montse Ferreira: "Segue a haber moitas reticencias para falar tanto da posguerra como do estraperlo"

Montse Ferreira, enfermeira e dramaturga, estréase na novela con 'O ano das mazás' (Xerais), unha historia na que aborda as vidas das persoas que habitan en Vilaveiga, unha aldea -ficticia- de montaña, durante os tempos da posguerra.
Montse Ferreira ten participado en obras de teatro e publicado relatos. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Montse Ferreira ten participado en obras de teatro e publicado relatos. (Foto: Nós Diario)

—Que era o que quería explorar con este relato?
Eu comecei a escribir esta historia cando morreu meu pai. El vivía nunha aldea ao pé dunha montaña e sempre me contaba cousas que vivira durante a posguerra, como por exemplo a fame que pasaran. Co tempo tamén me fun documentando sobre esta época e pareceume algo apaixonante. Sobre todo tiña en mente a idea de que vai chegar un momento no que as persoas que viviron estas cousas non van poder falar, cando menos no que respecta á historia da miña familia. Non quería xulgar nin contar a parte máis política, porque iso xa está moi ben descrito por profesionais que saben da cuestión, mais quería contar eses feitos que ocorreron na vida cotiá das persoas. 

—Sendo a primeira novela, como viviu o proceso de escrita?
Comecei o proxecto nun obradoiro e a partir de aí alieime con Fran Fernández Dávila, que xa ten varias cousas publicadas, e con Nieves Palanca e creamos unha especie de grupo literario. Pareceume importantísimo ter este grupo porque ao mellor eu tiña unhas ideas que ao lelas desde fóra non funcionaban ben. Tamén era unha forma de manter o ánimo porque tiña que levar algo novo escrito, non podía chegar coas mans baleiras. Para min foi esencial traballar con xente e é unha das cousas máis motivadoras. Comecei construíndo personaxes que quería que falasen utilizando a miña formación na dramaturxia. Por exemplo, quería tratar o tema do maltrato infantil nas escolas, que é algo que segue acontecendo hoxe en día, mais é que antes víase como algo normal; e así naceu o personaxe de Andrés, que é ao que coñecen como o parviño da aldea só por ser sensíbel e diferente.

Tamén desenvolvín outros personaxes para falar de como se trataba as mulleres solteiras que tiñan fillos e do abuso sexual. E outro dos temas que quería que estiveran si ou si era o protestantismo: é algo moi descoñecido e eu informeime porque o meu pai era protestante, unha relixión minoritaria en comparación coa católica. Hai feitos que describo na historia que ocorreron por este choque, como que morrera alguén e que o corpo pasara catro días na casa porque ninguén quería darlle enterro. 

—Tamén hai algunha mención ao estraperlo.
Ese é un tema que a min me apaixona porque me toca de preto. Non quero dicir quen, pero unha persoa achegada a min facía estraperlo debaixo da sotana, porque era cura. Tamén son unha persoa moi apaixonada da raia, sempre vou por aí percorrendo os montes e as aldeas, falando con persoas. Tamén é certo que segue a haber moitas reticencias para falar tanto da posguerra como deste tema en particular. Quedei moi alucinada un día que estaba falando cunha muller e un veciño deulle co cóbado para que calara. Pero tamén me pasa a min como dixen antes, tamén me dá cousa ser moi concreta.

Nesta liña, tiña claro que quería contar a vida cotiá das persoas que non tocaron a guerra, mais que si a sufriron, porque as novas avoas e avós van morrendo e todas as historias acaban por perderse. O que fixen co meu pai era ir anotando cousas que me contaba nun caderno: cando emigrara, de cando comezou a traballar nunha mina aos 15 anos... De feito, meu pai morreu pola silicose que iso provocou. E o título do libro tamén vai un pouco pola recuperación desta memoria. Cando tiña 18 anos coñecín unha muller que xa tiña 80 e que me contaba moitas cousas da posguerra, que supoño que foi onde comezou o meu interese.

Ao seu home requisárano para á fronte e ela quedara coas dúas fillas pequenas no que poderíamos chamar cidade. Claro, a xente das aldeas refuxiábase en covas levando chourizos, xamón e todo o que tiñan. Ela, ao ver que as mazás das árbores quedaban estragadas polo chan, pediulle ao alcalde se podía recollelas e lembro que sempre me dicía: “Aquel ano as mazás salváronnos a vida, comiámolas día e noite”.

Comentarios