Monicreques na alfombra vermella

A próxima edición dos Premios María Casares de Teatro incorpora unha nova categoría que escollerá a mellor obra de Teatro de Monicreques, Obxectos e Figuras Animadas. É un recoñecemento a un xénero que loitou moito tempo por desprenderse do estigma de ser un teatro para a cativada e, daquela, "de segunda". 
'Don gaiferos', obra de Os Monicreques de Kukascon con actores, monicreques e músicos (Foto: Os Monicreques de Kukas).
photo_camera 'Don gaiferos', obra de Os Monicreques de Kukascon con actores, monicreques e músicos (Foto: Os Monicreques de Kukas).

O camiño dos monicreques cara ao recoñecemento foi longo. Ben porque, dalgunha maneira, seguen a ser considerados por moitos como un xénero exclusivamente ligado ao público infantil, ben porque tende a ser ignorado por moitos programadores que só se acordan deles en épocas de vacacións escolares, o seu verdadeiro potencial artístico foi ignorado durante moito tempo. 

Mais as cousas están cambiando tamén para este xénero cheo de infinitas posibilidades e un síntoma desa mudanza é, sen dúbida, que os premios María Casares recoñecerán a partir da súa próxima edición unha categoría propia para os títeres, a de Mellor Espectáculo de Monicreques, Obxectos e Figuras Animadas.

Visibilidade e dignidade

Jorge Rey, de Títeres Cachirulo, foi o encargado de levar a proposta á asemblea da Asociación de Actrices e Actores de Galiza (AAAG), a encargada de organizar os Premios María Casares. "Creo que é moi bo que exista unha categoría definida para o teatro de figuras, que lle dá visibilidade e que dignifica o traballo das persoas que nos dedicamos a isto".  

Eduardo Rodríguez Cunha, 'Tatán', da compañía Tanxarina, outra das veteranas do xénero, cre que "este premio contribuirá a fortalecer a profesión. A xentileza da AAAG é realmente impagábel, porque mostra un aprecio por un traballo moi especializado que, aínda que en ocasións se mestura co de actor, ten uns códigos propios. Creo que é un paso máis na dignificación do noso teatro e da nosa cultura".

Tatán, ademais, opina que separar as categorías de Teatro de Monicreques e de Teatro Infantil pode contribuír a romper ese clixé que liga os títeres cos máis pequenos. "nós sempre falamos de teatro familiar porque mesmo nos espectáculos feitos coa cativada en mente, sabemos que haberá persoas adultas que poden gozar igualmente da función. Ademais de que existen compañías que fan espectáculos con bonecos dirixidos a un público adulto. Hai formas expresivas que só os títeres poden dar e que se poden aproveitar en calquera tipo de teatro", explica. 

"De feito, isto vén de atrás", engade Jorge Rey, "de cando propuxemos crear os premios Barriga Verde de textos para Teatro de Títeres e o Manuel María de textos para Teatro Infantil [os premios que outorga a Xunta de Galiza]. Foi un acerto separar ambas as cousas e quizais Galiza é o único territorio do Estado onde se premian por separado".
Ten sentido, explica, pola riqueza do teatro de monicreques feito na Galiza. "Aquí hai unha produción importante, un nivel moi interesante e, sobre todo, unha gran variedade xeracional. Hai compañías como a nosa que  leva nisto corenta anos, e tamén as hai de xente nova que levan moi pouco tempo e que fan mesturas moi atractivas de xéneros e técnicas. Iso proporciona unha variedade moi atractiva -de técnicas, de enfoques, de maneiras de enfrontar os temas- ao teatro de bonecos galego".

"O teatro de títeres está pasando un momento moi bo", concorda Tatán. "Hai que ver, por exemplo o traballo que está facendo a Asociación Barriga Verde, promocionando un tipo de teatro de títeres que vén dunha tradición propia que se recupera e que nos permite saber de onde vimos e saber que existen moitos camiños polos que transitar".
Tatán foi tamén un dos fundadores do Festival de Títeres de Redondela e enxalza o papel que tiveron e que teñen na promoción do xénero.

"Agora mesmo, ademais de Redondela, están Galicreques, Titiriberia... Hai unha oferta de festivais moi importante que permite que o público e os profesionais teñan acceso ás novas formas de traballar cos monicreques, coas novas tendencias. Creo que son fundamentais para formar ao público e para ensinarlle que o teatro de monicreques pode mostrar unha variedade de rexistros moi valiosa artisticamente".

"Agora o que falta e conseguir que o teatro de bonecos entre na ESAD de Vigo (a Escola Superior de Arte Dramática)", propón Jorge Rey. "Os que comezamos con isto, hai xa moitos anos, empezamos a formarnos cando, en realidade, xa viviamos do teatro. Aprendemos a base de ensaio e erro, indo a cursiños, traendo xente de fóra... Sería bo que agora as novas xeracións poidan atopar un ensino regrado na institución pertinente, que, sen dúbida, é a ESAD", remata.

Comentarios