Os monicreques de Titiriberia fechan o seu paso por Rianxo en 2022 con tres novas actuacións

Monicreques Alakrán, Fantoches Baj e A Cova das Letras serán as compañías encargadas de amenizar este domingo a última xornada do Titiriberia 2022.
Actuación de Fantoches Baj (Foto: Ana Brigida / Europa Press).
photo_camera Actuación de Fantoches Baj (Foto: Ana Brigida / Europa Press).

Titiriberia, festival de monicreques tradicionais, despide este domingo, 31 de xullo, a súa sétima edición en Rianxo (O Barbanza) cos espectáculos de tres compañías galegas: Monicreques Alakrán, Fantoches Baj e A Cova das Letras.

Esta edición do ano 2022, que tivo lugar entre o 24 e o 31 de xullo na vila rianxeira, contou con 30 compañías e artistas, nunha cita que inclúe talleres e outras actividades para crianzas.

O festival de monicreques está organizado pola asociación Morreu o Demo, que conta coa colaboración do Concello de Rianxo, da Deputación da Coruña e da Xunta da Galiza.

A primeira cita da xornada deste domingo será ás 13 horas deste domingo, na praia da Torre, Fantoches Baj representará 'Novos lobos', espectáculo que se achega ao tema do xénero desde o prisma das novas masculinidades.

Pola súa parte, ás 18.30 horas na praia de Tanxil será a quenda da Cova das Letras co seu espectáculo 'Procúra-se Pepa a Loba', onde Cris Collazo narra e manipula monicreques para contar a historia dunha muller á que todo o mundo busca polo seu tesouro.

O fechamento desta edición de Titiriberia correrá a cargo de Monicreques Alakrán, ás 21 horas, no Centro Cultural Vidal de Leiro, coa representación de 'Barriga Verde ataca de novo'.

Esta última actuación trátase dun espectáculo de cachiporra tradicional, inspirado nas rutinas que facía a familia Silvent (que actuou nas mellores festas e romarías da Galiza) na súa famosa barraca a comezos do século XX.

Despois da actuación, o festival despedirase coa derradeira actividade. Así, celebrarase o útlimo encontro posfunción coa participación do público, que porá punto e final ao paso dunha nova edición de Titiriberia polo Concello de Rianxo.

Comentarios