O Festival Galicreques regresa a Compostela en outubro

Participarán compañías da Galiza, Aragón, Andalucía, Bosnia ou Perú.
Un intre da obra '¿Que hacemos con Ubu?, da compañía teatral Tres Tigres. (Foto: Tres Tigres)
photo_camera Un intre da obra '¿Qué hacemos con Ubu?, da compañía teatral Tres Tigres. (Foto: Tres Tigres)

O Festival Internacional de Monicreques, organizado pola Asociación Barriga Verde, ofrecerá un total de 12 funcións para o público escolar entre os días 8 e 16 de outubro en Santiago de Compostela.

Está será a 27ª edición do certame da capital galega, no que participarán compañías procedentes da Galiza, Aragón, Uruguai, Andalucía, Bosnia e Perú, entre outros.

Programación do festival

O programa de funcións teatrais comezará o vindeiro 10 de outubro e desenvolverase ao longo de toda a semana lectiva, a excepción do día 12 de outubro, xornada festiva.

A primeira das representacións correrá a cargo da compañía uruguaia Coriolis, que levará ao escenario do Edificio da Sociedade Xeral de Autores Españois (SGAE) a súa obra teatral Trapos.

Ese mesmo día actuarán no Centro Sociocultural de Santa Marta a compañía andaluza Teatro de las Maravillas con El patito Feo. Por último, o Teatro Principal recibirá Títeres Cachirulo coa montaxe Dinosauros (O regreso dos sauros). O 11 de outubro, a programación continuará no mesmo escenario cunha peza destinada aos institutos: A barca do inferno, da compañía galega Nauta.

Pola súa parte, Coriolis ofrecerá un segundo pase da súa obra Trapos. Volverá ser, igual que o día anterior, no Edificio SGAE. Esta mesma compañía actuará por terceira e última vez o día 13. Neste caso coa peza Pasos largos, que se poderá ver no Teatro Principal.

Esa mesma xornada, a compañía aragonesa Teatro Arbolé desenvolverá o espectáculo La Biblioteca imaginaria, na Carpa da Alameda. O 14 de outubro, a programación proseguirá co grupo arxentino Tres Tigres, que levará ao escenario do Teatro Principal a peza ¿Qué hacemos con Ubu?; mentres que a compañía Hugo e Inés, natural de Bosnia e Perú, representará no Edificio SGAE Miniaturas.

Comentarios