Mercedes Peón, Ana Romaní ou Xabier DoCampo, premios da Crítica de Galiza

A música Mercedes Peón, a xornalista e creadora do Diario Cultural Ana Romaní ou a derradeira novela de Xabier Puente Docampo son tres das oito galardoadas polos Premios da Crítica de Galiza, que se fallaron este sábado 3 de novembro en Vigo.
 

ana romaní premios crítica - foto PSdeG
photo_camera A xornalista Ana Romaní agradece o Premio da Crítica de Galiza ás Iniciativas Culturais e Científicas. Foto: @PSdeG

No decorrer dun xantar, a Fundación Premios da Crítica -presidida por Bieito Ledo- outorgou as distincións na súa edición número 49. No apartado de Creación Literaria, a obra gañadora foi A nena do abrigo de astracán (Xerais, 2017), a última novela que publicou Xabier Puente DoCampo antes de morrer.

En Investigación, o premio foi dar a José Luis Mascareñas (Allariz, 1961), catedrático de química orgánica e director científico do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Investigacións Moleculares da Universidade de Compostela. Ana Romaní (Noia, 1962), xornalista recente premio Nacional do Ministerio de Cultura de Periodismo Cultural, poeta e, durante 28 anos, directora do Diario Cultural da Radio Galega, foi galardoada co de Iniciativas Culturais e Científicas.

En Música, foi Mercedes Peón (Oza dos Ríos, 1967), cuxo último disco é o rompedor Deixaas, a sinalada. O responsábel do plan director da Catedral de Santiago, Javier Alonso de la Peña, levou o de Artes Plásticas. E en Artes Escénicas, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.

Matria, a criticamente apreciada curtametraxe de Álvaro Gago (Vigo, 1986) conseguiu o premio da Crítica de Galiza en Cine e Artes Visuais. Finalmente, o destinado a Cultura Gastronómica foi para a Federación de Razas Autóctonas de Galiza Boaga.

Comentarios