A memoria histórica protagonizará a apertura do Festival de Cans

O primeiro filme de Pablo Romero-Fresco estréase no certame.
Unha sesión no festival de cinema que decorre no Porriño. (Foto: Festival de Cans)
photo_camera Unha sesión no festival de cinema que decorre no Porriño. (Foto: Festival de Cans)

Onde acaba a memoria, un documental protagonizado polo célebre historiador hispanista de orixe británica Ian Gibson, será o filme que abra a XVIII edición do Festival de Cans, que terá lugar do 1 ao 4 de setembro. A película supón a estrea como director do cineasta vigués Pablo Romero-Fresco.

O filme de Romero-Fresco volve sobre a viaxe que Luis Buñuel realizou en 1933 a Las Hurdes (Cáceres), unha terra afastada e miserenta na que rodaría Tierra sin pan. Oitenta e cinco anos despois, o hispanista e biógrafo Ian Gibson fecha o ciclo dunha viaxe emocionante, que comeza en Las Hurdes e remata sobre os restos de Lorca en Granada, pondo fin á viaxe dunha vida enteira. No documental interveñen cineastas como Carlos Saura ou o británico Mike Dibbs, e personalidades como o crítico Román Gubern.

Na presentación do festival, que tivo lugar en Compostela, Pablo Romero-Fresco explicou, sobre a película, que non se trata "dun retrato ao uso" da viaxe nin de Buñuel. E referiuse á "compoñente galega" do proxecto. "Está de principio a fin na película", sinalou.

Ian Gibson participará en Cans da estrea mundial da película, producida por Xavi Font, coprodutor de O que Arde, a premiada película de Oliver Laxe, e que tamén compuxo a banda sonora xunto con Elba Fernández. A montaxe é obra de Xacio Baño.

A estrea terá lugar no serán do 3 de setembro no novo emprazamento do Centro Cultural Municipal do Porriño. Será inmediatamente despois do remate da "Tarde Coira", dedicada ao cineasta galego Jorge Coira e na que tamén vai ser estreado o filme documental Beiras, vivir dúas veces. Na película, o tamén autor de éxitos coma a serie Hierro ou a película 18 comidas achégase á biografía do histórico político.

A partir desta quinta feira, 15 de xullo, o Festival de Cans pon á venda na súa tenda online, e cun desconto de máis do 30% sobre o prezo oficial, 200 abonos para asistir ás proxeccións das curtametraxes que participarán na sección oficial do certame. Serán 100 abonos para as sesións de mañá e outros 100 para as de tarde. 

Ademais, desde a mesma hora ábrense as inscricións para a estrea de Onde acaba a memoria e para a de Beiras, vivir dúas veces. A asistencia é de balde pero baixo rexistro. Dadas as actuais limitacións de capacidade, só hai 75 entradas dispoñíbeis para cada un destes eventos.

Comentarios