A exposición estará aberta até o 17 de xaneiro

A Xeración Nós está presente no monte Gaiás

A Cidade da Cultura de Compostela acolle, este último trimestre do ano, unha mostra que conmemora os cen anos da xeración  'Nós' e da publicación do primeiro número da revista do mesmo nome. Baixo o título 'Galiza de Nós a nós' reúnese material gráfico e pezas icónicas, como o Santiago debuxado por  Castelao e chegado desde Morlaix ou o mapa de Domingo Fontán, propiedade da familia de Ramón Otero Pedrayo e cedido agora polo Pazo-Museo de Trasalba. 
montagem
photo_camera Varias das obras que recolle a mostra. / cidadedacultura.gal

Desde o 2 de outubro permanece aberta na Cidade da Cultura, en Compostela, a exposición Galiza de Nós a nós, comisariada por Afonso Vázquez-Monxardín e Ana Acuña. Nela recóllese material vencellado á revista Nós e aos autores que conformaron a xeración do mesmo nome. 

A mostra "pon o foco na vixencia dos principios defendidos por Nós, como a dimensión universal da cultura galega, a necesidade de ter unha voz propia no mundo e o carácter aberto e integrador da Galiza", reza o catálogo.

Nela reúnese, por vez primeira, documentación dispersa en distintos arquivos, públicos e privados, e ilustra o desenvolvemento da revista a través dos seus estatutos e dos títulos de membros da Sociedade Nós, recibos, subscricións, axendas, libros de contas, facturas ou a correspondencia entre os redactores e colaboradores do boletín, o que permite ás persoas que a visitan "rastrexar o devir da publicación".

"A busca de materiais relacionados co desenvolvemento da revista e a imprenta foi complexa pola época histórica na que se insiren", comenta a comisaria Ana Acuña, que destaca a colaboración de distintas institucións e que, engade, "permitiu reunir documentación interesante para reconstruír a intrahistoria de Nós". 

A filóloga asegura que "foi unha parte especialmente emocionante, a medida que ía lendo a revista, encontrar documentación acreditativa do seu percorrido vital, como foron as dificultades económicas; pero tamén encontrar os manuscritos dos artigos, ver como se distribuían para publicar na revista os orixinais lidos no Seminario de Estudos Galegos ou descubrir documentación sobre determinados acontecementos".

A revista desde as novas tecnoloxías e as recreacións

O relato histórico-artístico da mostra artéllase en cinco seccións, apoiado en máis de 300 pezas físicas e dándolle preeminencia ao visual. "Para min como filóloga habituada aos documentos foi unha aprendizaxe pensar unha exposición en pezas e non tanto en papeis", comenta para Nós Diario Ana Acuña. 

A mostra reúne tamén obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal "que poñen o foco nas conexións internacionais da revista Nós e dos seus impulsores". Entre as pezas recollidas están, por exemplo, o Santiago de Morlaix, o Cristo de Santa Eufemia de Ambía, o puñal de Beluso, ou a estela de Florderrei Vello.

As novas tecnoloxías están presentes como elemento de axuda para construír a narración expositivo a través do uso de elementos interactivos, audiovisuais ou de realidade aumentada.

Ademais, atendendo á situación xerada pola Covid-19 e para reducir riscos, todos os elementos interactivos da mostra empregan tecnoloxías sen contacto físico, a través de sensores de presenza e de movemento, "ou mediante dispositivos electrónicos persoais no caso das recreacións en realidade aumentada".

Xoia Software é a empresa encargada das recreacións virtuais que poboan a mostra, como o campamento romano de Aquis Querquennis, a iconografía de Nós deseñada por Alfonso Daniel R. Castelao ou as cidades do século XIX a través da cartografía da época.

Completan o percorrido o traballo gráfico do infografista e ilustrador Álvaro Valiño e mais unha peza audiovisual sobre a pegada de Nós na sociedade galega do século XXI, na que participan a poeta Yolanda Castaño, o cineasta Oliver Laxe, a cantautora Faia Díaz, a fotógrafa Lúa Ribeira, o deseñador Carlos Hidalgo, a artista visual Marta Verde, a arqueóloga Rebeca Blanco e o pedagogo Alejandro Sotelino. "A conxunción de todos estes elementos pode contribuír a entender un tempo e un feito cultural tan importante como foi a revista Nós", asegura Ana Acuña. "Coñecer a xeración e a revista supón coñecer de onde vimos e o que somos", recalca.

[Podes ler a reportaxe completa no Nós Diario en papel, que podes atopar nos quioscos e puntos de venda habituais ou na loxa. Se aínda non es subscritora ou subscritor, podes sumarte aquí]

Comentarios