O Pazo de Mariñán acolle as I Xornadas da Academia Galega de Teatro

Baixo o título de "A estabilidade na acción teatral", xuntará especialistas e profesionais para que analicen as claves dun dos aspectos máis demandados polos profesionais dos diferentes oficios que conforman a escena galega: a estabilidade.
A actriz María Barcala durante a representación da obra 'Libre coma un paxaro' (Foto: Teatro do Atlántico).
photo_camera A actriz María Barcala durante a representación da obra 'Libre coma un paxaro'. (Foto: Teatro do Atlántico)

A Academia Galega de Teatro organiza desde esta sexta feira e até o próximo domingo 21, no Pazo de Mariñán, as I Xornadas da Academia en Mariñán que, baixo o título de "A estabilidade na acción teatral" e co patrocinio da Área de Cultura de Deputación da Coruña, xuntará especialistas e profesionais para que analicen as claves dun dos aspectos máis demandados polos profesionais dos diferentes oficios que conforman a escena galega: a estabilidade, tanto laboral como creativa.

Nas xornadas examinaranse diversos elementos que concorren na consistencia e solidez do sistema teatral galego, como as dificultades e carencias na programación dos espazos dedicados a exhibición, os problemas para organizar a itinerancia dos espectáculos ou o estado actual das redes e circuítos de distribución.

Igualmente, serán sometidos a escrutinio o papel das institucións na consecución da estabilidade, a plurianualidade da actividade teatral ou a propia estabilidade artítica e laboral das compañías teatrais. 

Finalmente, os académicos deitarán a súa mirada sobre a experiencia das compañías residentes, fixándose especialmente na comarcalización da actividade teatral e nas experiencias realizadas en diversas residencias teatrais.

A Academia ten entre os seus obxectivos fomentar o desenvolvemento das artes e as ciencias relacionadas co teatro recoñecendo e dando a coñecer a profesionalidade e excelencia artística e tendendo pontes entre as diversas visións do teatro galego.

Tamén se propón difundir o teatro na sociedade, propiciando intercambios interculturais e internacionais, creando servizos dedicados ao estudo e investigación da interacción entre o teatro e as novas tecnoloxías e desenvolvendo  actividades tendentes a elevar o nivel artístico, técnico ou científico dos distintos oficios teatrais. 

Comentarios