O escritor Manuel Núñez Singala foi galardoado esta segunda feira co premio 'Clubs de Lectura 2023' por ser o escritor galego máis lido nas bibliotecas escolares durante o pasado curso.
Trátase dun galardón que busca recoñecer o labor das autoras e dos autores de obra en galego que "facilitan" cos seus libros a función do profesorado como mediador de lectura e que "concitan o interese" das lectoras e dos lectores que participan nos clubs de lectura.
Núñez Singala foi o autor seleccionado polo maior número de clubs de lectura dos centros de ensino do país. Ao recibir este galardón, o autor foi convidado a participar da XV Xornada dos Clubs de Lectura que decorreu esta segunda feira, onde recibiu a homenaxe do profesorado e, por el representado, de todos os lectores e lectoras participantes nos clubs de lectura dos centros de ensino primario e secundario da Galiza.
No acto de entrega do premio, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, felicitou ao autor galego por este premio e destacou que é "un dos máis seguidos polos lectores infantís e xuvenís".
O evento reuniu a máis de 400 coordinadores destes espazos educativos, os clubs de lectura, co obxectivo de compartir experiencias e profundar en novas accións sobre o libro e a lectura.
Outros premiados polos Clubs de Lectura
Até o momento recibiron o Premio dos Clubs de Lectura Agustín Fernández Paz (2015), Ledicia Costas (2016), Miguelanxo Prado (2017), Carlos Negro (2018), María Reimóndez (2019), Andrea Maceiras (2020), Eva Mejuto (2021) e Antía Yáñez (2022).