martes 29/09/20

Manuel López Rodríguez faise co Premio de Poesía Concello de Carral

O acto no que se anunciou o gañador, que tivo lugar na Casa da Cultura do concello, aproveitouse para presentar a obra En luz escrita. O poemario escrito por Xurxo Alonso foi o volume seleccionado polo xurado na edición do ano pasado.
Momento de entrega do premio de poesía. (Foto: Concello de Carral)
Momento de entrega do premio de poesía. (Foto: Concello de Carral)

Nas pulsacións, unha obra de Manuel López Rodríguez, é o novo volume galardonado co Premio de Poesía Concello de Carral. O xurado escolleu esta candidatura porque, nas súas verbas e nas súas páxinas, López Rodríguez "amosa un discurso sólido e inspirado, cunha gran riqueza léxica e con interesantes descubrimentos estilísticos".

Unha das contrapartidas desta victoria será ver publicado e no mercado literario o seu libro.

O novo galardonado con este recoñecemento, que xa leva máis de 20 anos premiando os versos galegos, non é novo nestas situacións. Ao longo da súa traxectoria xa gañou o Suso Vaamonde de poesía, o premio Eduardo Pondal e o López Ardeiro, entre outros. Ademáis, xa ten publicado o título Antítese nativa.

Igualmente, López Rodríguez tivo certa repercusión ao amosar diversos poemas en revistas e volumes de autoría colectiva.

Un acto reducido

O acto de concesión do galardón tivo lugar onte a última horada tarde na Casa da Cultura de Carral. Ademais, a cita serviu para presentar ante o público a obra de Xurxo Alonso En luz escrita. Trátase precisamente do poemario que foi seleccionado polo xurado o ano pasado.

Este libro pasa a formar parte da colección de Edicións Espiral Maior, cuxo responsábel, Fernán Vello, participou no acto desta tarde. Tamén estiveron membros da corporación local e o director xeral de Políticas Culturais da Xunta da Galiza, Anxo Lorenzo, pois Carral e o Goberno do país cofinancian a edición dos volumes.

Por mor das normas sanitarias e de seguridade, o evento contou cunha capacidade reducida. A diferenza do programado noutras edicións, e para extremar as precaucións pola Covid-19, non se realizou ningún tipo de intervención artística. Ao remate do evento, os asistentes recibiron exemplares de En luz escrita e tiveron a oportunidade de conseguir a sinatura do autor.

 

 

comentarios