Nélida Piñón, a ponte literaria entre as dúas beiras do Atlántico

A Real Academia Galega celebrou esta terza feira unha xornada de homenaxe a Nélida Piñón, unha das grandes autoras brasileiras do século XX que, con raíces en Cotobade, foi a autora da que moitos consideran a grande epopea da emigración galega, A república dos sonhos.  
 
Suso Bello e Sabela Olivares (de Boroa), Antonio Maura, Marilar Aleixandre, Alfonso Armada e Karla da Silva, esta terza feira, no Cantón Grande da Coruña. (Foto: RAG)
Suso Bello e Sabela Olivares (de Boroa), Antonio Maura, Marilar Aleixandre, Alfonso Armada e Karla da Silva, esta terza feira, no Cantón Grande da Coruña. (Foto: RAG)

A mediados da década de 1970, o crítico e tradutor Basilio Losada escribíalle a Ramón Piñeiro sobre unha "rapaza extraordinaria" que era filla de galegos e que viaxaba con frecuencia á Galiza. Losada definíaa como "unha especie de García Márquez, unha dinamiteira do idioma". A rapaza en cuestión chamábase Nélida Piñón e xa tiña publicados un bo feixe de libros, entre eles Guia-mapa de Gabriel Arcanjo, co que iniciou unha exitosa carreira que a levou a ser a primeira presidenta da Academia Brasileira das Letras, a gañar premios tan prestixiosos como o Juan Rulfo ou a formar parte de diferentes Academias das Letras, entre elas, a galega.

Precisamente, a Real Academia Galega (RAG) homenaxeou esta terza feira a escritora que decorreu na sede da  Fundación Barrié, na Coruña, e no que participaron Marilar Aleixandre, coordinadora da Sección de Literatura da RAG; Karla da Silva, compañeira de Nélida Piñon nos seus últimos vinte anos; o escritor e crítico literario Antonio Maura especialista en literatura brasileira e na da homenaxeada en particular; e Alfonso Armada, exdirector do suplemento ABC Cultural, no que Nélida Piñon mantiña unha columna; o presidente da RAG. Víctor F. Freixanes, editor da escritora na súa época á fronte da Editorial Galaxia, non puido acudir ao acto por un problema de saúde, mais enviou un texto ao que deu lectura Aleixandre.

"A escritura, as historias imaxinadas e contadas derrotan a morte, noite tras noite, en Vozes do deserto, a súa reescritura da historia de Sherezade. As historias non morren se son contadas unha e outra vez de novas formas. A escritura derrota tamén a morte de Nélida, pois temos a súa voz, viva nos libros que herdamos dela”, reflexionaba Marilar Aleixandre.

Entre a Galiza e o Brasil

Nélida Piñón (Rio de Janeiro, 1934 - Lisboa, 2022) a filla de Lino Piñón e Carmen Cuiña, emigrados a Brasil desde Cotobade -onde a novelista viviu entre os dez e os doce anos- confesaba ter herdado "o estigma da supervivencia da xente do mar e da montaña". Era moi consciente da súa orixe migrante -"eu son todas as civilizacións que viñeron a este campamento brasileiro", afirmaba-, e ostentaba con orgullo a dupla natureza de habitante das dúas beiras do Atlántico: no seu discurso de ingreso na RAG, declaraba que "a família regalou-me a majestade da língua portuguesa, a ciência de eu pertencer ao novo continente. E transmitiu-me igualmente a noção de constituir um privilégio originar-me de uma Galícia cuja herança autorizavam-me a reivindicar".  

 "Amaba Galicia e emocióname moito falar dela aquí", declarou Karla da Silva -que falaba por primeira vez en público desde o pasamento da escritora- sobre ese vínculo de Piñón coa terra dos seus pais. O mesmo que a levou a escribir A república dos sonhos, unha obra mestra na que conta a odisea heroica da emigración galega e da construción do Brasil.

Unha vocación precoz

Aquí iniciou o seu futuro, deixou escrito en Aprendiz de Homero. "A inmersión nestas terras galegas levoume a entrecruzar o repertorio brasileiro e o galego. A provocar entre eles unha fusión que prorrogou en min estancias míticas, consolidou a argamasa histórica, valorizou os meus sinais de identidade, a cosmogonía mestiza e arqueolóxica, o entrelazamento das culturas”, lembraba naquel libro.

Da Silva tamén falou da precoz vocación da escritora, alimentada polo seu pai. "Cando retornaron da Galiza, abriulle unha conta nunha libraría para que mercase os libros que quixese. Fíxose unha lectora voraz, aos 14 anos xa lera a Dostoievski e aos 18, a obra enteira de Balzac. (...) E tamén adoraba a Rosalía de Castro, de quen falaba como parte dos grandes escritores da historia da literatura, canda Camões, Cervantes, Flaubert ou Machado de Assis".

"Ter un pé en cada continente enriquece moito a súa literatura", considerou Alfonso Armada. "Penso que ese feito engrandeceu a súa literatura, como aconteceu coa de Clarice Lispector, con que mantiña unha relación de fascínio mutuo", comparte o xornalista, que convidou a Nélida Piñon na súa etapa como director do ABC Cultural a manter unha columna na súas páxinas. 

Ese paralelismo con Clarice Lispector -e con outras autoras brasileiras como Rachel de Queiroz, Lygia Fagundes Telles ou Marly de Oliveira- foi analizado por Antonio Maura, que tamén fixo un percorrido un percorrido pola súa narrativa centrándose en tres títulos, Vozes no deserto (1987), Um dia chegarei a Sagres (2020) e A república dos sonhos (1984), "un libro fundacional", valorou. "Talvez sexa dos poucos libros na literatura brasileira do século XX que conta a emigración. É un deses romances épicos que marcan unha identidade do Brasil, un libro fundamental non só na obra de Nélida senón no panorama literario brasileiro e no imaxinario do Brasil”, asegurou.

A epopea da emigración

"Somos moitos os que pensamos que A república dos soños é a nosa gran novela da emigración", afirmaba Víctor Freixanes no seu texto. "A grande épica da Galiza é unha épica anónima e colectiva: a emigración, con historias concretas, como as que se narran n’A república dos soños", subliñando na "forza dun pobo que, malia os cataclismos da historia, soubo manter viva a memoria e a tradición, que en moitos casos era a propia dignidade, aínda que non sempre se formulase desta maneira".

Freixanes tamén aludiu á dupla raíz da literatura da escritora: "A grande achega de Nélida Piñon ás dúas literaturas consiste na ensamblaxe de dous mundos, que son raíz e tradición: o mundo grandioso e exuberante do Brasil e a tradición íntima, case doméstica, secreta, pero non menos decisiva, das raíces galegas", manifestou.

O presidente da RAG comparte tamén o seu primeiro recordo dela mesmo moito antes de coñecela, a través da memoria familiar: "A miña nai foi compañeira de Nélida na escola da aldea de Borela (Cotobade) onde Nélida viviu dous anos da súa infancia. Era unha nena con capacidade económica por riba das outras, pero convivía con elas e participaba nas cerimonias propias daquela Galiza rural. Ese mundo foi en parte a herdanza que levou Nélida Piñon de regreso ás Américas".

Comentarios