Falece Basilio Losada, embaixador das letras galegas en Catalunya

O catedrático e intelectual galego morreu aos 92 anos en Barcelona, onde residiu case toda a súa vida.
Basilio Losada
photo_camera Basilio Losada

Ninguén como Basilio Losada, o investigador, tradutor e docente falecido no día de onte, mostrou que se pode traballar por un país estando lonxe del durante  maior parte da vida. Losada foi emigrante a Catalunya desde moi cativo, e alí construíu unha traxectoria como incansábel embaixador da literatura, a lingua e a cultura galegas que pasou por ser o primeiro catedrático de Filoloxía Galega e Portuguesa na Universitat de Barcelona, por traducir máis de 150 libros ou por publicar numerosos estudos e antoloxías que serviron de inmellorábel vehículo de divulgación das letras galegas, portuguesas e brasileiras.

Nado na Pobra de San Xiao (Láncara) en 1930, Losada nunca esqueceu as súas orixes malia desenvolver practicamente toda a súa vida e toda a súa carreira profesional en Barcelona. "Saín da Galiza con 5 anos pero soñaba con este país; nunca vin imaxe máis bela que a vista desde o meu cuarto de Láncara", dicía en 2016, ao recibir a Medalla de Galiza,  outorgada polo seu labor en favor da lingua alén das fronteiras do país.

Desde 1933 viviu fóra da Galiza: primeiro en Madrid, logo en León e, finalmente, a partir de 1939, en Barcelona, onde estudou Dereito e Filosofía e Letras e onde se doutorou en Historia. Desenvolveu unha intensa actividade docente en Catalunya e deu cursos e pronunciou conferencias na Arxentina, no Brasil, nos Estados Unidos, no Uruguai, en Italia, Alemaña, Suíza, Francia, Holanda, Bélxica... e, sobre todo, en diferentes centros académicos de Portugal.

Todo ese labor de divulgación das literaturas lusófonas foron recoñecidas con multitude de honras: a Comenda de Henrique o Navegador de Portugal, a orde do Cruceiro do Sul do Brasil, a Cruz de San Jordi da Generalitat de Catalunya e, na Galiza, a Medalla Castelao, a Medalla da Galiza, o Premio Otero Pedrayo e o Pedrón de Ouro. Ademais, no ano 1998, foi elixido Galego Egrexio pola Fundación Premios da Crítica. En 2015 foi nomeado académico de Honra da Real Academia Galega, ocasión na que dedicou o seu discurso de ingreso ás primeiras novelas de Rosalía de Castro.

 

O seu traballo como tradutor -galego, catalán, alemán e portugués- foi inmenso, e a el se debe un mellor coñecemento das figuras máximas das literaturas lusófonas: José Saramago, Clarice Lispector, Jorge Amado, José Cardoso Pires, Machado de Assis, Rachel de Queirós, Jorge de Sena, Márcio Sousa e moitos máis. Ademais, foi autor de centos de artigos sobre literatura galega e portuguesa e de varias antoloxías de lírica galega, entre outras, Poetas gallegos de posguerra (1971), Poetas gallegos contemporáneos (1972) e Poetas gallegos de hoy (1990), publicados en edicións bilingües por editoras de fóra da Galiza. En 1991, recibiu o Premio Nacional de Tradución por Memorial do convento de José Saramago.

A súa erudición era variada, e deu cursos, ademais de sobre literatura, sobre temas de arte e música, comentando obras de Goya, Picasso, Joyce ou Proust entre outros. No ano 2000, co gallo da súa xubilación, a Universidade de Barcelona publicou un libro que lle rende homenaxe, Profesor Basilio Losada: ensinar a pensar con liberdade e risco, e cuxo título é o suficientemente explícito sobre o seu labor docente, apreciado por centos de alumnos e alumnas e promotor de innúmeras vocacións.

Losada nunca deixou de comprometerse coa divulgación da literatura galega, o que o levou a converterse nun activo divulgador tamén na prensa e na radio. Agora, a súa voz apagouse, deixando un oco difícil de encher. "Non hai obituario que despache o asunto. Bótase fóra das exequias, como un mago riseiro, sabio, librepensador e menciñeiro das palabras", deixou dito nun tweet o escritor Manuel Rivas. Con razón.

Comentarios