Máis dunha trintena de actividades enxalzan a creación dixital, o audiovisual e a cultura de internet no Carballo Interplay

O festival celebrarase do 16 ao 19 de abril no Mercado de Carballo.
Jacobo Sutil, Sonia Méndez, Xosé Regueira, Daniel Pérez López e Andra Villa na presentación do Carballo Interplay. (Foto: Nós Diario)
Jacobo Sutil, Sonia Méndez, Xosé Regueira, Daniel Pérez López e Andra Villa na presentación do Carballo Interplay. (Foto: Andrea Morandeira)

O Carballo Interplay presentou esta terza feira os contidos da súa XIII edición, que terá lugar  do 16 ao 19 de abril no Mercado de Carballo cun total de 32 actividades arredor da cultura dixital contemporánea. 

Nun acto decorrido no Museo de Bergantiños, Sonia Méndez e Andrea Villa, directoras do festival; Xosé Regueira, concelleiro de Promoción Económica e Turismo de Carballo; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, e Daniel Pérez López, alcalde de Carballo deron a coñecer os detalles dun festival que se reafirma como espazo de referencia para pensar o ecosistema dixital desde dentro.

Así, a proposta mantén o vínculo afectivo con internet como lugar de creatividade, identidade e comunidade, ao tempo que introduce unha ollada crítica sobre a saturación, os algoritmos, a precariedade e as novas formas de consumo cultural na rede. Nese marco, o festival sitúa tamén no centro a creación dixital galega, a través dos seus premios e de actividades formativas e educativas pensadas para fomentar novas prácticas creativas en galego e un uso máis consciente das redes sociais. 

Ao longo dos catro días de festival, Carballo converterase ademais no punto de encontro dalgunhas das voces galegas máis recoñecíbeis do ecosistema dixital, como Raquel Piñeiro, Marina G. Canedo, Zeltia e Lúa Mosquera, Salseología ou Autoenfoque. Toda a programación, cos horarios completos e posíbeis actualizacións, pode consultarse na páxina web oficial do festival.

Entretemento, reflexión e comunidade

A edición de 2026 volve xuntar no Carballo Interplay algunhas das súas marcas máis singulares: o gusto pola cultura pop e polos formatos nados en internet, a análise dos cambios sociais e culturais que atravesan a rede e a vontade de crear comunidade arredor desas conversacións. 

Un dos principais sinais de identidade desta edición é tamén o lugar central do galego, presente tanto nas actividades de conversa e análise como nos certames dedicados á creación e á produción de contido dixital. De feito, a xornada do día 16, centrada especialmente na creación na rede en galego, reunirá máis de 350 alumnas e alumnos de institutos galegos, que asistirán á conversa 'Sobrevivir en galego nas redes sociais', con Prado Rúa e Konachadas, e ao obradoiro 'Radicalmente online - Activismo en redes sociais', impartido por Marina G. Canedo.

Sección Oficial 

A Sección Oficial volverá ser un dos piares do festival cun total de 19 series, das que 17 son internacionais e proceden de 10 países, reforzando o perfil do Carballo Interplay como escaparate "privilexiado" para novas voces e novas narrativas do audiovisual dixital. A selección ofrece unha mostra diversa en tons, estilos e temáticas, con títulos chegados de Reino Unido, Australia, Canadá, República Checa, Suíza, Francia, Dinamarca, Estados Unidos, Irán, Romanía, Eslovenia e o estado español.

A esta competición súmanse dúas presentacións especiais. Por unha parte, a preestrea na Galiza de Millennial Mal, creada e dirixida por Lorena Iglesias, que chegará a Carballo tras o seu paso polo Festival de Málaga e será presentada pola propia autora. Por outra, Epidemia Invisible, proxecto gañador da pasada edición do Premio á Produción de Contido Dixital en Galego, unha serie documental creada por Román Varela arredor da experiencia da saúde mental en primeira persoa. A programación audiovisual complétase coa proxección infantil da serie galega de animación PIPO na Biblioteca Rego da Balsa. O xurado oficial desta edición estará integrado por Irene Pin, Benja Villegas e Raquel Piñeiro, mentres que o xurado novo estará formado por Aira Porto, Belén Teiga e Antón Lorenzo.

Sónia Méndez, Jacobo Sutil, Daniel Pérez López, Xosé regueira e Andrea Villa. (Foto: AndreaMorandeira)
Sónia Méndez, Jacobo Sutil, Daniel Pérez López, Xosé regueira e Andrea Villa. (Foto: Andrea Morandeira)

Directos, podcast e formatos nados en internet

Outra das liñas fortes do programa será a dos shows e podcast en directo, que reforzan a capacidade do festival para levar ao escenario linguaxes, voces e formatos propios do ecosistema dixital. Nesta edición poderán verse por primeira vez na Galiza propostas como Rajando con… Bimboficadas, con Samantha Hudson e María Barrier; Pop y Muerte, con Kiko Amat e Benja Villegas, e Sexo en Nueva York Podcast, con Raquel Piñeiro e Patricia Blanco.

A esta programación súmanse ademais dúas actividades creadas en exclusiva para o festival: I’LL SEE YOU IN MY DREAMS. TWIN PEAKS, con Estela Ortiz e Juan Evaristo Valls Boix, e PLOT TWINS. Duplicadas por guion, con Lúa e Zeltia Mosquera. A acollida desta liña de programación, salientan desde o festival, volveu quedar patente coa resposta do público ás entradas de Rajando con… Bimboficadas, "esgotadas en cuestión de minutos".

Creación galega 

A lingua volverá ocupar un lugar estrutural no festival, "non como elemento accesorio, senón como parte central da súa identidade". Entre os contidos desta edición figuran a conversa Sobrevivir en galego nas redes sociais, con Prado Rúa e Konachadas, e a presentación do número 5 da revista Clara Corbelhe, arredor do artigo "Scroll, lingua, nación: a galeguidade política nas redes na era TikTok", coa participación de Malva F. R. e Élia Lago. A parte formativa chegará da man de Marina G. Canedo, creadora e estratega de teta&teta, que impartirá o obradoiro Radicalmente online - Activismo en redes sociais, dirixido ao público mozo. 

Na Zona PRO, o festival afondará no seu perfil de espazo de análise e aprendizaxe cun programa de faladoiros sobre cuestións de plena actualidade, como o impacto da intelixencia artificial nos medios dixitais, o momento actual do podcast en España e a aparición de novas voces informativas nun ecosistema condicionado polos algoritmos. Participarán nestes encontros perfís e proxectos como Maldita.es, Ana Alonso, Óscar Piera, Javier Hernández, Trescentostrece, Salseología, Literal247 e Woke up!

A programación do sábado completarase con dous paneis centrados nas formas de comunicar e relacionarse hoxe na rede. En Scroll, scroll, STOP. As novas regras da divulgación, Kenya Stéphanie, Helio Roque, Autoenfoque e Pablo Lluc reflexionarán sobre como divulgar información especializada nun contexto de saturación e déficit de atención. Pola súa parte, Internet chiquito, con Ainhoa Marzol e Carmen Pacheco, proporá un percorrido polas transformacións de internet e das redes desde as primeiras comunidades dixitais ata a actualidade.

Premios

O Carballo Interplay volverá recoñecer nesta edición a creación na rede en galego a través dos seus distintos certames. O Premio á Produción de Contido Dixital en Galego está dotado con 3.000 euros para o desenvolvemento do proxecto gañador, mentres que os Premios de Creación Dixital en Galego distinguen a mellor canle e a mellor creadora ou creador con 600 euros en cada categoría. Os certames consolídanse ademais cun récord de participación nos apartados de Mellor Creador/a e Mellor Canle: presentáronse 35 proxectos, e os finalistas daranse a coñecer esta semana.

A entrega de premios terá lugar o domingo 19 de abril con Lorena Iglesias como presentadora. Ao remate, o festival despedirase cunha sesión vermú con Monkey Mambo en A Xamonería. A programación musical incluirá tamén o concerto de Pantis, que presentará memoria nova no feche do sábado.

Carballo Interplay está organizado polo Concello de Carballo e Turismo de Carballo con produción e dirección de Cósmica. Conta co apoio da Xunta da Galiza, a través de Agadic, e da Deputación da Coruña.

Comentarios