venres 28/01/22

MOONLIGHT 

(EUA 2016, 111 min.)

Dirección e guión: Barry Jenkins

Fotografía: James Laxton

Música: Nicholas Britell

Elenco: Mahershala Ali, Naomie Harris, Trevante Rhodes, Janelle Monáe, Ashton Sanders, Jharrel Jerome, André Holland, Alex R. Hibbert, Jaden Piner

SINOPSE

O pequeno Chiron trata de descubrir a súa propia identidade nun barrio conflitivo de Miami ao tempo que debe superar a ausencia paterna, unha nai drogadicta e o acoso escolar constante. 

CRÍTICA

Baseado na peza teatral de Tarell Alvin McCraney titulada In Moonlight Black Boys Look Blue (“Á luz da lúa os mozos negros semellan azuis”), e sendo unha peza pro LGTB, alguén podería pensar que se trata dunha versión masculina de A vida de Adele (2013, Abdellatif Kechiche), sobre todo porque o título orixinal da novela gráfica na que estaba inspirada esta última era Blue is the Warmest Color (“O azul é unha cor cálida”). Mais, malia a coincidencia crómatica na nomenclatura, non teñen nada que ver unha coa outra. Moonlight está dividida nun breve prólogo e máis tres partes divididas por unhas transicións a base de luces desenfocadas que lle dan un toque característico, ademais de metafórico... A historia segue a vida de Chiron, un rapaz negro dunha barriada de Miami que debe facer fronte, día si e dia tamén, ao acoso escolar dos seus compañeiros de colexio e dos rapaces do barrio que non deixan de burlarse del. Os seus problemas non rematan cando chega a casa, a presenza dunha nai drogadicta e posesiva, encarnada pola británica Naomie Harris (Piratas do Caribe, Skyfall), e a ausencia paterna, suplida temporalmente por un traficante de gran corazón interpretado por Mahershala Ali (gañador do Óscar a Mellor Secundario), marcarán toda a súa infancia, e o seu futuro. A segunda e terceira parte da función será un percorrido polo espertar sexual, a procura da propia identidade, a frustración e o amor...

Óscar a Mellor Guión Adaptado e, tras o memorábel fallo histórico de lectura, Mellor Filme, desbancando á favorita La La Land, que tivo que se “conformar” con 6 galardóns dos 14 aos que optaba. Moonlight é un excelente drama humano cunha morea de elementos que o fan destacar por riba da media. Barry Jenkins dirixe de maneira notábel nun estilo que desprende un cativador aura de estética debedora do cinema asiático continental contemporáneo, a medio camiño entre a melancolía romántica de Wong Kar-Wai (Happy Together) e a narrativa episódica de Huo Hsiao-Hsien (Three Times). O brillante uso de tonalidades no amplo pantone cromático non é casual, cada secuencia é pura simboloxía do estado de ánimo de Chiron. Destacan tamén as excelentes interpretacións dos protagonistas que son puro magnetismo. A música, así coma os silencios, están moi ben matizados para comunicar xusto o que se pretende. Con todo, e baixo meu punto de vista, o conxunto non supera, nin de perto, a La La Land, que foi un clásico inmediato desde a estrea, cousa que non lle pasa a Moonlight, que é probábel que se acabe esquecendo un pouco co paso do tempo. Algo parecido aconteceu o ano pasado con Spotlight que gañou sobre O renacido, ou incluso sobre Mad Max: Furia na estrada, e hoxe pouco/as a lembran... Semella que o tema dos Premios Óscar leva uns cantos anos en pura dinámica salomónica no reparto de premios. Só hai que botar un ollo ao resto de premiados deste ano para se decatar. Pero tamén hai que ser realistas e, inda que non o poidamos evitar, esquecerse por un intre de opinar de “quen merece máis tal ou cal premio”. Non esquezamos que Hollywood é unha maquinaria ben engraxada de facer cartos e teñen moi claro que os beneficios téñense que repartir entre todos os que forman parte de tan selecto club. No fondo ten a súa lóxica, inda que deslexitima un pouco o tema “premio”. De feito o acontecido este ano encaixa un pouco máis cando vemos que nos títulos de crédito aparece “un tal” Brad Pitt coma produtor executivo... Dito isto, non quero desmerecer en absoluto a calidade de Moonlight: é un gran filme, un filme valente, non mellor que La La Land pero... que máis da? é cinema do bo e con iso debería bastar. Á marxe xa da polémica dos merecementos, penso que se debería exixir (e non só nos Óscar) o premio a Mellor Cartaz. Aí si que non habería discusión posíbel: o Óscar é para... Moonlight.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Á luz da lúa os mozos negros semellan azuis
comentarios