Lino Braxe, nomeado Premio de Honra Marisa Soto a título póstumo

A Asociación de Actrices e Actores da Galiza lembra a súa traxectoria on este galardón. Esta segunda feira, ademais, presentouse na Coruña o seu libro Sidi, unha viaxe cara a vida, editado por Hércules Edicións.
Lino Braxe nunha imaxe de arquivo (Foto: Eduardo Castro Bal).
photo_camera Lino Braxe nunha imaxe de arquivo (Foto: Eduardo Castro Bal).

A Asociación de Actrices e Actores da Galiza (AAAG) anunciou que outorga o Premio de Honra Marisa Soto a título póstumo a Lino Braxe, todo un referente no sector teatral e un dos impulsores dos Premios María Casares.

Con este galardón, a entidade quere recoñecer a traxectoria e celebrar, segundo explican nun comunicado, "a vida dun autor multidiscipinar, un artista todoterreo cuxo compromiso coa cultura sempre foi un estandarte dende as diferentes frontes nas que militou". 

Braxe foi membro do grupo de persoas que a mediados dos noventa impulsou os Premios de Teatro María Casares e encargouse de contactar en varias ocasións para que a actriz, afincada en Francia, cedese finalmente o seu nome aos galardóns do teatro galego que neste 2022 alcanza a súa 26ª edición. 

Un perfil poliédrico

Lino Braxe (Mugardos, 1962 - A Coruña, 2020) iniciou a súa carreira escénica profesional na Compañía Luís Seoane. Ao longo da súa traxectoria, traballou con grupos teatrais como Malbarate, Teatro do Noroeste ou Sarabela. Artista polifacético, exerceu en diferentes montaxes multitude de oficios.

Neste senso destaca a súa interpretación en obras como Otelo (Librescena) e Viaxe a ningunha parte (Sarabela), a creación  de textos dramáticos en espectáculos como Campo sur (Teatro do Noroeste), a dirección en Hamlet (RTA-ROSP Coruña) e Fobias (Lagarta Lagarta) ou a adaptación en Ministros pola cara (Encuadre Produccións). No Centro Dramático Galego, participou en varias montaxes, como Un refaixo para Celestina ou Hostia.

Tamén pasou polo audiovisual en series como Pratos combinados ou Rías Baixas. No cine, adaptou o proxecto de Luis Buñuel de A noiva de media noite (Antonio Simón, 1997) e participou como actor na fita. A maiores, publicou obras narrativas como A memória perdida (Vía Lactea, 1990) e na súa faceta como dramaturgo, lanzou obras como O sangue dos árabes (Xerais, 1999).

Presentación da obra póstuma

Tamén onte, Hércules Edicións presentou Sidi, unha viaxe cara a vida, o seu libro póstumo. No acto, realizado na Biblioteca do Fórum Metropolitano da Coruña, participaron María Braxe, irmá de Lino e autora das ilustracións; Xanina Fernández, viúva do escritor; a editora de Hércules, Laura Rodríguez, e Raúl Besada, delegado da ONG á que irán os beneficios da obra e coa que o Braxe mantiña colaboración. 

Comentarios