Lino Braxe, galardoado a título póstumo co premio Marisa Soto da AAAG

É a segunda vez que a Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG) entrega este premio a título póstumo.
Lino Braxe, nunha fotografía de 2008 (Imaxe: Santos Díez / Ollo de Vidro / AELG).
photo_camera Lino Braxe, nunha fotografía de 2008 (Imaxe: Santos Díez / Ollo de Vidro / AELG).

A Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG) outorgará o Premio Marisa Soto, a título póstumo, ao escritor e actor Lino Braxe, "unha figura  poliédrica, da nosa escena en particular e da nosa cultura en xeral, que deixou ao longo da súa ampla carreira unha fonda pegada en varias xeracións da profesión teatral", sinala a entidade.

Respecto diso, lembra que o seu traballo incluíu diferentes vertentes do oficio escénico, xa que cultivou a interpretación, a dirección, a escritura, a adaptación, o teatro radiofónico ou o teatro de base, entre outras facetas.

Con este galardón, a  AAAG recoñece a traxectoria "dun autor  multidiscipinar, un artista todoterreo cuxo compromiso coa cultura sempre foi un estandarte desde as diferentes frontes nas que militou", engade.

É a segunda vez que a asociación concede este premio a título póstumo. A primeira ocorreu en 2014, cando o homenaxeado foi o actor Xosé Manuel Olveira Pico.

Lino Braxe

Lino Braxe (Mugardos, 1962 - A Coruña, 2020) foi un dos poetas máis destacados da denominada "Xeración dos 80". Autor dunha abondosa bibliografía, deuse a coñecer na antoloxía De amor e desamor, a carón doutros escritores do período como Pilar Pallarés ou Miguel Anxo Fernán-Vello. Asinou, entre outros, os volumes de poesía BanqueteEntre ruínasA caricia da serpeO sangue dos árabes ou O segredo namorado.

A súa última obra publicada foi O botín da miseria, que viu a luz en Everest Galicia en 2011.

Braxe, a carón do seu labor como escritor e comunicador, destacou na súa actividade como actor.  A súa presenza foi moi habitual en diferentes montaxes teatrais, así como en series de televisión. Destaca a súa participación en Mareas VivasPratos Combinados, A vida por diante ou Rías Baixas.

A súa traxectoria na escena comezou en 1985, coa Compañía Luís Seoane. Actuou en producións da Escola Dramática Galega, Centro Dramático Galego, Malbarate e outras.

Tamén foi locutor de RNE durante dez anos. Nese período de tempo adaptou para a radio a obra dramática completa de Álvaro Cunqueiro e Eduardo Blanco Amor.

Entre os recoñecementos que obtivo atópase o accésit do Premio Modesto R. Figueiredo en 1991, por Anatomías, o premio do Concurso de Teatro Breve d'O Facho en 1991, por A actriz, o accésit do Premio Esquío de poesía en 1996, por Árdora ou o accésit do Premio Miguel González Garcés en 2002, por O longo día acaba.

Foi finalista da XIII edición do Premio Miguel González Garcés en 2006, por Alaridos, accésit no Premio de Poesía Erótica Illas Sisargas do 2007, por Baixo o sol de Mesina e mención de honra do Premio Estornela de Teatro para nenos no 2012, por O corazón do bosque.

Comentarios