CONTRACULTURA

Laura Parrula: "É curioso que vivamos angustiadas porque o noso cerebro nos queira protexer"

Laura Parrula, tradutora, publica a súa primeira historia dirixida á infancia, 'Monstr3s', que tamén é a primeira obra orixinal en galego publicada pola editorial Patasdepeixe, que até o momento só publicara traducións. Ademais, esta obra está ilustrada por Óscar Villán, Premio Nacional de Ilustración.
Laura Parrula no CPI de Navia de Suarna, na comarca dos Ancares. (Foto: Cedida)
photo_camera Laura Parrula no CPI de Navia de Suarna, na comarca dos Ancares. (Foto: Cedida)

Monstr3s fala do medo propio, mais tamén do alleo. Como decidiu levar a idea a unha historia infantil?
Este libro ten unha base case que filosófica, xa que se basea un pouco na relatividade das cousas. Penso que vivimos nunha sociedade na que todas as persoas temos moitísimos medos, ansiedade e en xeral estamos paralizadas por todo iso. Eu aprendín, falando con terapeutas e outras persoas, que realmente os medos teñen a súa función e a súa razón de ser. O cerebro manda este tipo de mensaxes para protexernos. 

Creo que se facemos o esforzo por intentar entendelos e abrazamos un pouco os nosos medos estaremos máis tranquilas. Todo será máis pracenteiro. Entón, eu ía dando voltas arredor desta idea un día que ía conducindo, que é cando mellor penso, e cavilaba arredor deses medos primixenios, os que temos de crianzas e que son máis típicos ou recorrentes, como o medo ao que hai debaixo da cama. Esa é a orixe da historia. 

—Tamén é unha forma de darlle outra perspectiva e pór enriba da mesa o medo ao descoñecido, non?
Claro, porque todo é relativo. Os medos que ten unha persoa son seus e veñen da súa construción como ser humano. O libro intenta desmitificar o medo buscándolle a súa razón de ser. Non deixa de ser curioso que acabemos vivindo angustiadas porque o noso cerebro nos quere protexer. Tanto que non nos deixa vivir. Creo que é un pensamento que debe estar aí e sobre o que debemos reflexionar.

No libro tamén aparece esta idea do medo superior. Por exemplo, a nivel social podemos pensar nas culturas que se teñen medo as unhas ás outras, mais cando aparece unha cuestión maior, digamos o cambio climático, ao mellor deixamos de ter ese medo porque hai outra cousa que é aínda maior. 

É como unha forma de reconducir os propios medos e darlles outra dimensión. Realmente, é que o medo é un concepto totalmente relativo, mais que ao mesmo tempo está gobernando as nosas vidas constantemente. É moi curioso.  

—É o seu primeiro libro infantil e tamén o primeiro orixinal de Patasdepeixe. Como se sente?
Foi unha enorme diferenza, porque eu estou acostumada a textos máis espesos e máis dirixidos a público adulto. Con todo, tamén foi moi emocionante porque non deixa de ser un álbum ilustrado, un xénero diferente que combina a ilustración co texto para crear unha linguaxe nova, que é o realmente potente. Eu comecei escribindo un texto longuísimo, Óscar Villán fixo as súas ilustracións e logo entre os dous fomos recortando para darlle máis forza á idea. 

Hai páxinas nas que só hai unha palabra, mais con iso basta para que a persoa que o lea sinta moitas cousas. É a maxia do álbum ilustrado. E ademais de todo isto, Óscar é un artista incríbel que ten moita experiencia no álbum infantil, por iso tamén recibiu o Premio Nacional de Ilustración, e foi unha sorte contar con el, porque grazas a iso puiden aprender moitísimo. 

No que respecta a Patasdepeixe, foi unha experiencia enorme. Até o de agora o que facíamos era publicar libros que xa tiveran éxito noutros lugares e traelos ao galego porque forma parte da nosa filosofía: traer boa literatura. 

Este foi o noso primeiro experimento co afán de que poida viaxar no sentido contrario e puidemos ter a experiencia total. Ao facer coedicións vémonos na obriga de imprimir fóra, sobre todo na China, que é algo que vai en contra da nosa filosofía, e neste caso puidemos fabricar o libro aquí, ver todo o proceso de impresión e escoller todos os materiais. 

O que chega agora ás mans das lectoras e lectores está totalmente decidido por nós, desde o tipo de papel até o lugar onde vai colocado o código de barras. É unha experiencia moi satisfactoria.  

Comentarios