CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

"La La Land", un clásico inmediato

LLL d 29 _5194.NEF
photo_camera Un fotograma do filme

LA LA LAND

(EUA 2016, 128 min.)

Dirección e guión: Damien Chazelle

Fotografía: Linus Sandgren

Música: Justin Hurwitz

Elenco: Ryan Gosling, Emma Stone, John Legend, Rosemarie De Witt, J.K. Simmons, Terry Walters, Jason Fuchs, Trevor Lissauer, Finn Wittrock, Damon Gupton, Miles Anderson, Amy Brandt, Tom Everett Scott, John Hindman

SINOPSE

Mia (Amy Adams) traballa de camareira mentres aspira a ser actriz. Sebastian (Ryan Gosling) gaña a vida tocando o piano para un día poder abrir o seu propio local de jazz. Atópanse.

CRÍTICA

Nos tempos que corren non resulta nada habitual saír do cinema coa sensación de ter presenciado algo perfecto, soberbio, un clásico inmediato. Mais cando isto acontece, sempre me acaba pasando o mesmo: emociónome de tal forma que me entra a ansia viva de querer destacar e compartir con todo o mundo a fantástica experiencia cinéfila que acabo de presenciar e claro... acabo farfallando, enceréllome. Si, trátase de La La Land, o musical do ano do que todo o mundo fala, gañador de todos os Globos de Ouro aos que optaba e, probablemente, de todos os Óscar aos que opte. Non teñan medo en levar unha decepción por ir con altas expectativas porque, por moito que se esforcen é imposíbel que lles defraude. Nin sequera deberían poñer a escusa de “non me gustan os musicais”, conque lles guste minimamente o cine, gozarán como nunca desta marabilla. Tras esta vehemente introdución, e se lembran o meu lema que di que “o número de spoilers é inversamente proporcional á calidade do filme”, xa poden deducir sen fallo que non desvelarei nada da trama. Dirixe un novo referente chamado Damien Chazelle, que xa sorprendera, a propios e estraños, con aquela oda ao jazz titulada Whiplash, coa que acadou tres Óscar (Actor Secundario, Montaxe e Son) dos cinco que optaba. En La La Land volve a escribir el mesmo o guión (fantástico) e contar coa meirande do equipo do seu anterior filme; a destacar a presenza de Tom Cross na (vertixinosa) montaxe “marca da casa”, Justin Hurwitz na (extraordinaria) banda sonora, e tamén lle reserva un papel moi divertido ao carismático J.K. Simmons (o mítico profesor de Whiplash), era de recibo que así fora. O único reparo que lle atopei, aínda que máis que reparo é unha apreciación subxectiva, foi no comezo. A continuación do logo antigo de Cinemascope, iníciase unha incrible coreografía musical felliniana, filmada “coma se fora” un único plano secuencia, que fai presaxiar unha sucesión de virguerías de cámara e metódica planificación nun máis difícil aínda de proxección exponencial que podería chegar a esgotar, pero non... apreciación errónea... porque a cousa deriva en puro cine. Sen mácula. Todo encaixa. Non sobra nin un só plano. Unha coidadísima homenaxe aos clásicos de sempre ao mesmo tempo que é moderna, divertida, máxica, romántica, triste, fermosa, onírica, realista... Golpea o subconsciente cinéfilo de maneira sutil e intelixente, case subliminar, traendo á mente parellas míticas do celuloide tales como Fred Astaire/Ginger Rogers, Gene Kelly/Cyd Charisse, Katharine Hepburn/Spencer Tracy ou Ingrid Bergman/Humphrey Bogart. Todos eles están implicitamente na parella que forman Emma Stone e Ryan Gosling, tamén marabillosos nas interpretacións individuais pero sobre todo cando están xuntos. Compenetración perfecta tanto nas escenas musicais coma nos xestos, miradas e improvisacións, que tamén hai. Stone interpreta a Mia, unha aspirante a actriz. Gosling a Sebastian “Seb” un pianista amante do jazz. O demais é historia, historia viva do cinema. La La Land está feita con tanta paixón, coidado e nivel de detalle que se pode gozar as veces que se queira. Un deses filmes nos que a cada visionado sempre acaba aparecendo algo novo a descubrir. Unha obra mestra. Así que, tócaa outra vez, Seb.

Comentarios