Julia Laport: "Agardamos que a peza abra portas e non as feche, que exista espazo para a imaxinación"

O auditorio de Oleiros acollerá hoxe a presentación do espectáculo , da compañía de danza Elahood. Baixo o lema "teño algo importante que dicir pero aínda non sei o que é", trátase da primeira coprodución do ano do Centro Coreográfico Galego. Nós Diario conversa con Julia Laport, directora do proxecto e promotora xunto a Sabela Domínguez da compañía.
Julia Laport (á esquerda) e Sabela Domínguez son as promotoras de Elahood.
photo_camera Julia Laport (á esquerda) e Sabela Domínguez son as promotoras de Elahood. (Foto: Iria Casal)

Como nace ?

A idea apareceu hai bastante tempo, presentamos a convocatoria para a coprodución hai case un ano. Tiñamos unha noción moi básica antes de presentalo e durante este tempo foi mudando moito. Tamén levabamos tres anos sen crear un espectáculo máis longo e tiñamos ganas de crear algo novo. Non sabiamos de que falar concretamente e, ao final, a peza fala diso, de non ter claro se tes algo importante que dicir.

Ese non saber que dicir é no que se asenta o espectáculo.

Foi o punto de partida. Queriamos crear algo pero comezamos a cuestionarnos que, se creamos algo para a escena e para dicirllo a moita xente, ten que ser importante e pensamos que importancia debería ter, que é importante... xorden estas inquedanzas.

Non chegamos a abordar ningunha cuestión concretamente. Desde un principio, cuestionamos se algunha desas temáticas tiñan importancia suficiente para que quixésemos falar delas ou que é máis importante. Ao final, é un debate sobre o importante en si. Hai moitas temáticas que están impregnadas nas nosas obras, aínda que non sexa a propósito, xa que forman parte de nós, pero non abordamos temáticas directamente.

Menciónanse na descrición da peza referencias sobre a deconstrución de xénero e a conciencia de clase.

Neste debate do importante, durante o proceso, xurdiron cuestións como o xénero, que semella ser de vital importancia na nosa sociedade. Entón, abórdase que ocorre cando lle sacamos a importancia e lla concedemos. O mesmo con respecto á conciencia de clase, que é importante para alguén en determinada clase social e que é importante para alguén noutra.

Si que aparecen moitas pegadas, aínda que como o reciba o público xa non está nas nosas mans. Hai bastante texto e son e aparecen sinais moi claros tanto de clase como de xénero. Nalgúns momentos, dunha forma bastante clara, como se non estivésemos falando diso directamente, pero faise presente a través da imaxe ou do son, máis referenciado que directamente tratado. 

Como foi o proceso de creación?

Partimos desa frase e nós, en xeral, no noso proceso, somos moi de cuestionar todo o que estamos a facer. Entón, realmente a base do espectáculo ten moito que ver con nós. Fixemos unha investigación aberta do importante en diferentes xeracións, en diferentes contextos... A partir dela, comezamos a fechar cousas e a construír esta estrutura, como se creásemos todo este mundo e logo atopásemos o xeito de poñelo dentro dun mesmo espectáculo. Tamén houbo varias fases no proceso creativo en si. Nesta produción en particular, por situacións laborais, tivemos que empezar, logo parar, retomar de novo... Entón, as cousas mudaron de maneira moi orgánica polo momento vital no que estabamos.

Así mesmo, a peza cambiou moito no momento no que nos rendemos ao absurdo. Non comezou así, pero chegou un momento no que todo é importante e nada o é, depende para quen e como. Cando aceptamos iso dentro da nosa investigación, todo comezou a tomar coherencia dentro da súa incoherencia.

Trasládase, entón, a responsabilidade de interpretación ao público.

Non sei se é unha expectativa en si, pero agardamos que sexa un espectáculo que abra portas e que non as feche, que exista espazo para a imaxinación e para distintas interpretacións. Dependendo da persoa e do seu contexto, vaille dar unha lectura distinta. Desde o momento que estamos cuestionando o importante, xa estamos tratando de non pór a importancia nun lugar determinado nin o ollo do espectador en algo demasiado concreto.

Comentarios