Julia Lago e a súa banda deseñada centran o 'Sermos Galiza' desta fin de semana

A malla e as embarcacións tradicionais tamén se analizan neste número do semanario.
Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana (Foto: Nós Diario).
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' desta fin de semana (Foto: Nós Diario).

Como cada sábado, Nós Diario trae entre as súas páxinas un novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante a fin de semana. Desta vez a protagonista é Julia Lago e a banda deseñada nunha entrevista realizada por Manuel Barreiro.

Barreiro salienta antes de iniciar a conversa con Lago que “Julia Lago é un bulebule de riso contaxioso. Gañou o Premio Castelao de BD do ano 2021 coa obra Nós seis na que conta a infancia da súa avoa nun internado relixioso e mira desde a feminidade e a sororidade os tempos opresivos e escuros da ditadura. É unha persoa activa e vital que compaxina o seu traballo na ilustración cunha galería de arte dedicada á obra gráfica”.

Tradición Naval

Inicia este número do Sermos unha reportaxe a cargo de Elvira Branco que analiza a tradición naval galega.

“Sada, na comarca da Coruña, será durante catro días epicentro do noso patrimonio marítimo e fluvial. O porto da vila acolle esta fin de semana arredor dun cento de embarcacións tradicionais de diferente tipoloxía, unha diversidade que é característica intrínseca da flota galega. Trátase dun encontro que busca non só mostrar a riqueza nas embarcacións do país, senón tamén reivindicar a Galiza como referente no traballo de recuperación e salvagarda do patrimonio material e inmaterial que leva a cabo o seu tecido asociativo”, indica Branco na reportaxe.

Previamente, na páxina de apertura, a escritora Olga Novo, ofrece unha reflexión titulada ‘A Pegada’.

A malla

A segunda reportaxe do semanario foi elaborada por Antón Escuredo e titúlase ‘A Malla.

Escuredo explica que “Agosto é mes de festa e tamén de traballo no rural galego. Un dos labores que máis xogo deu nas parroquias do país tiña lugar nesta época e reunía ducias de persoas: era a malla. Coa mecanización, o proceso básico de separar o gran da palla foi evolucionando até desaparecer nos anos 70”.

Literatura, música, cinema...

Neste número do Sermos Galiza, Tensi Xesteira e Manuel Barreiro analizan na sección de libros dúas obras.

No apartado musical, Olga Brañas analiza o disco Nigredo, de Mâi. Pola súa parte, Xaneco Tubío escribe un artigo titulado ‘Facemos instrumentos musicais’.

O experto en cinema Andrés Castro debulla o filme Misión Imposíbel. “Gran parte da carreira de Tom Cruise está marcada polo estigma de ser só unha cara bonita... pero o certo é que traballou baixo as ordes dos máis grandes: Coppola, Ridley Scott, Scorsese, Oliver Stone, Sydney Pollack, Kubrick ou Spielberg, ademais de estar nomeado até en tres ocasións aos Óscar”, indica Castro.

Sole Felloza ofrécenos un artigo na sección de Patrimonio Oral mentres que Lázaro Armental fai unha análise na sección de Arquitectura. Ademais Branca Novoneyra achega a cuarta entrega de ‘Poemas míticos’ na sección de A palabra futura.

Por último, as dúas páxinas de pasatempos corren a conta de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros!