CONTRACULTURA

José Malvárez: "O libro é unha crítica a esa necesidade que semella que existe de mostrar violencia"

José Malvárez, autor e ilustrador, publica Incoloro: a profecía dos sangues (Xerais), unha banda deseñada dirixida ao público xuvenil e que se perfilou durante a súa formación na escola O Garaxe Hermético. Define esta obra como unha fantasía medieval con referencias e formas actuais que tamén ten a súa parte de crítica: “Hai tanta violencia que chega un momento que nos insensibilizamos, e está presente tanto na ficción como na vida real”.
José Malvárez é autor e ilustrador de varias bandas deseñadas e novelas. (Foto Nós Diario)
photo_camera José Malvárez é autor e ilustrador de varias bandas deseñadas e novelas. (Foto: Nós Diario)

De onde parte esta historia que narra a escravización dos sangue verde por parte dos sangue vermello?

A idea orixinal tívena xa no instituto, hai máis de vinte anos, inspirado por outras obras como os mangas Nausicäa, de Hayao Miyazaki, ou Fenix, de Osamu Tezuka e os videoxogos Final Fantasy. Sempre me gustou crear historias e contalas, toda a vida tiven un lapis na man e un caderno que levaba a todas as partes. Incoloro tivo varias versións até que entrei na escola de Kiko da Silva e no último ano tivemos que facer un proxecto integrado, unha banda deseñada. Entre varias ideas, pensei que esta tiña moito potencial e Kiko tamén me apoiou nisto, polo que foi a que desenvolvín e entreguei en 2016. Posteriormente estiven dous anos mellorándoa e decidín presentala ao premio que ten a escola con Xerais. Gañou o meu compañeiro Fon coa súa historia, Cósmico, o bombeiro galáctico, e eu quedei finalista. Con todo, contactáronme igualmente de Xerais porque tiñan interese en publicar Incoloro. Así, dinlle a forma final ao cómic, mudei a paleta de cor e demais e por fin puido ver a luz.

Como foi o proceso de encaixar esas referencias actuais nunha fantasía medieval como é esta?

No que respecta á parte medieval da obra, sobre todo escollín referencias de cousas tanxíbeis como vestiario, armamento e construcións, mentres que as referencias modernas están presentes na forma de contar a historia. De feito, tamén outras das influencias que están presentes neste sentido veñen de filmes como Cristal escuro, de Jim Henson, ou Dragonheart, de Rob Cohen. Seguindo con todo isto do sangue tamén hai moitas referencias anatómicas que están presentes nos nomes dos lugares. Por exemplo, a historia xira arredor do que ocorre cando a protagonista, Uply, chega a Outeiro Torácico, que está no centro das terras de Aórtica. Con todo, tampouco me inflúe tanto a fantasía actual, senón que me fixo máis na dos anos 80 e 90 porque tiña moi claro que quería contar e crear unha historia para un público xuvenil e adolescente, que puidera desfrutar todo o mundo. Por este motivo quixen afastarme moito de mostrar graficamente a violencia. 

Hai demasiada violencia nas historias actuais?

Incoloro é un pouco unha crítica a esa necesidade que parece que existe. Hai tanta violencia que chega un momento que nos insensibilizamos, e está presente tanto na ficción como na vida real. Semella que xa non nos importa. Eu quería mostrar que a violencia é mala e que fai dano. De feito, hai un momento no que eu mostro que a violencia fai dano, que non é agradábel, mais nas versións orixinais do cómic era unha escena demasiado gráfica, polo que conseguía o contrario. É como esta idea de que se mostras demasiada violencia ao final parece que é algo divertido. Kiko comentoume que me fixara nalgúns filmes de Steven Spielberg porque ten unha forma de mostrar a violencia moi sutil. Isto foi o que fixen finalmente en Incoloro, para que a crítica estivera aí presente e non se fixera de menos. 

É unha historia autoconclusiva ou ten pensadas próximas partes?

Nestes momentos estou centrado na promoción deste cómic, mais se as vendas acompañan gustaríame poder facer unha segunda parte, xa que teño moitas historias que contar neste mundo. Son historias que ocorren noutras partes, con outros poboados, mais que continúan a viaxe de Uply e como ela se vai atopando con diferentes problemas vinculados sempre con este enfrontamento entre os distintos sangues. Tamén teño algunhas obras iniciadas e gustaríame comezar a preparalas para poder presentarme a outros concursos. 
 

Comentarios