A CRíTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Joe'

 Gary (Tye Sheridan), un rapaz de 15 anos, chega xunto coa súa familia a Austin (Texas). Cun pai borracho, unha irmá autista e unha nai que ten que coidar da filla, Gary asume a responsabilidade do sustento familiar.

Joe-2

Filmada por David Gordon Green entre Prince Avalanche, Oso de Plata ao Mellor Director na Berlinale do 2013, e Manglehorn protagonizada por Al Pacino e presentada no pasado Festival de Venecia. Joe está baseada no best-seller de Larry Brown, de homónimo título. Trasládanos ás beiras do río Mississippi para contar a historia de Joe, un ex-convicto que traballa en Austin (Texas) para unha madeireira. Un día topa cun rapaz en apuros que acaba de chegar á cidade e decide axudalo para así redimir os seus pecados do pasado.

Posúe a maioría dos tópicos das películas indies tan en boga ultimamente: música minimalista, rodada con cámara en man, personaxes con dificultades para socializar, fotografía naturista... Iso si, ten un toque de estrela de Hoollywood: Nicolas Cage. Mais que ser un plus para á película é máis á inversa. Parece un papel moi apetitoso para un Cage ao que non lle ofrecen máis que películas mediocres. Todo debido ás numerosas débedas que ten que afrontar que lle obrigan a aceptar calquera churro de película. Calquera... Así que un papel un pouco serio debeulle soar a gloria. É de supoñer que viu en Joe unha especie de Mud (2012, Jeff Nichols), é dicir, unha catapulta para papeis máis substanciosos. A raíz de Mud, Matthew McConaughey empezou a seren tomado en serio pola crítica. Ao ano seguinte gañou un Óscar ao Mellor Actor por Dallas Buyers Club.

De feito Joe garda máis de unha similitude con Mud: as dúas están ambientadas ás beiras do Mississippi, fai calor, o protagonista é un personaxe solitario cun pasado turbio que se fai amigo dun adolescente e hai unha calma chicha que precede a tormenta... É máis, en ambas aparece o actor Tye Sheridan, pero coa diferenza que en Mud el era o que axudaba ao fuxitivo e en Joe é o axudado. A outra diferenza importante é que os esforzos de Nicolas Cage por seguir os pasos do seu colega McConaughey lamentablemente son en van. Despois de tanta película de serie B (e Z) foi pillando uns vicios xestuais dos que parece non poder zafarse. A pesar de deixarse barba e estar bastante contido non acaba de resultar crible de todo. É coma se estivésemos vendo sempre ao actor e nunca á personaxe que interpreta. Mais con todo cumpre. Nótaselle o esforzo e iso, aínda que non é suficiente, se agradece. Pero non todo malo recae sobre o bo de Cage. A película é algo irregular con bastantes altibaixos. Aínda que iso tamén significa que ten uns cantos momentos destacables. Case todos protagonizados polo adolescente Tye Sheridan e por Gary Poulter, que fai do pai alcohólico. En concreto a presenza en pantalla de Poulter é tremenda. Véselle extremadamente cómodo e natural na súa descarnada actuación de alcohólico maltratador.

O curioso é que de feito era en verdade un “sen teito” de Austin fichado por Gordon Green para a ocasión que viu en el unha autenticidade xenuína difícil de atopar. E digo “era” pois morreu nas rúas da cidade poucos meses despois de participar na película a quen, por suposto, vai dedicado este interesante drama sobre a amizade, o maltrato e a redención de cheiro a western crepuscular. Película para afeccionad@s ao cinema indie e para quen queira reconciliarse co Nicolas Cage “actor”.

JOE

Ano: 2013

Duración: 117 min.

Nacionalidade: estadounidense

Director: David Gordon Green

Guión: Gary Hawkins

Fotografía: Tim Orr

Música: Jeff McIlwain e David Wingo

Elenco: Nicolas Cage, Tye Sheridan, Gary Poulter, Ronnie Gene Blevins, Adriene Mishler, Brian Mays, Aj Wilson McPhaul, Sue Rock, Heather Kafka

Comentarios