A Asociación Cultural Alexandre Bóveda consegue o 'Premio Moncho Valcarce pola Defensa e a Promoción da Terra'

A directiva da Irmandade Moncho Valcarce considera que "o traballo diario da Asociación Cultrual Alexandre Bóveda é un modelo para manter aceso o facho da nosa cultura e da nosa identidade".
Monumento en memoria de Alexandre Bóveda (Foto: Fundación Alexandre Bóveda)
photo_camera Monumento en memoria de Alexandre Bóveda (Foto: Fundación Alexandre Bóveda)

A Irmandade Moncho Valcarce recupera este ano, cando se fan 30 anos do pasamento do cura das Encrobas, a celebración dos ‘Premios Moncho Valcarce pola Defensa e a Promoción da Terra’, que durante moitos anos foi cita obrigada para homenaxear aquelas persoas ou entidades cunha traxectoria contrastada na defensa dos máis desfavorecidos, na defensa do idioma, da cultura, da identidade galegas.

Este ano a entidade promotora vén de concederlle o Premio á Asociación Cultural Alexandre Bóveda, que leva xa perto de 50 anos traballando para “dignificar o noso patrimonio con múltiples e variadas actividades que van dende cursos de galego, conferencias, ciclos de música, teatro, fotografía, homenaxes, exposicións, seminarios e unha longa listaxe de accións que contribúen á dinamización cultural e social do país” indican desde a irmandade.

A directiva da Irmandade Moncho Valcarce considera que “o traballo diario da Asociación Cultrual Alexandre Bóveda é un modelo para manter aceso o facho da nosa cultura e da nosa identidade”.

Deste modo, únese a un grupo de 37 premiados, entre os que están, a Asociación Socio-pedagóxica Galega, asociacións anti-encoros, Preescolar na casa, Asociación de xitanos Chavós, Centros de desenvolvemento rural de Ourense, Xesús Mato, Isaac Díaz Pardo, Xosé Manuel Beiras, Avelino Pousa Antelo, Xosé Chao Rego, Manuel Caamaño, A Mesa pola Normalización lingüística, Camilo Nogueira Román, Manuel Lugrís, A Quenlla ou o Museo do Pobo Galego.

O Premio será entregado nun acto programado para o vindeiro día 10 de xuño, nun xantar no Hotel Plaza da cidade de A Coruña.

Neste mesmo acto presentaranse aos membros da nova Xunta Directiva da Irmandade Moncho Valcarce e as liñas de programacións para continuar coas actividades, seguindo a senda das realizadas en anos anteriores e con miras aos anos vindeiros.

A irmandade Moncho Valcarce

A Irmandade Moncho Valcarce é unha asociación impulsada polas persoas que foron amigas, familiares, compañeiros e compañeiras  de Moncho Valcarce, o cura das Encrobas, un intelectual e loitador, sempre ao carón dos máis necesitados, ata o seu pasamento o día un de febreiro de 1993, cando tiña 57 anos de idade.

Os promotores da Irmandade queren xuntar no seu ámbito todas as persoas que se identifiquen cos valores que defendía o crego e que compartan a misión de perpetuar a súa memoria, como exemplo de entrega e compromiso co pobo galego, así como a de difundir o seu pensamento, expandir o seu significado humano, como persoeiro histórico do agrarismo, dende unha perspectiva nacionalista. Moncho Valcarce recoñecese como un símbolo do inconformismo labrego na segunda metade do século XX.  

Comentarios