Rego sinala que Valcarce “demostrou que Galiza non é un pobo sumiso”

O BNG homenaxea na Coruña a Moncho Valcarce

O coruñés cemiterio de San Amara acolleu na mañá deste 29 de xaneiro unha homenaxe ao crego nacionalista Ramón Valcarce Vega. O tradicional acto organizado polo BNG contou nesta ocasión coa participación do voceiro da formación no Congreso Néstor Rego
Valcarce
photo_camera Néstor Rego intervindo durante a homenaxe a Moncho Valcarce. (Foto: María Xosé Bravo)

O grupo de barrio do BNG de Monte Alto organizou un ano máis un acto en lembranza de Ramón Valcarce Vega, popularmente coñecido como o crego das Encrobas, militante nacionalista desde a clandestinidade, impulsor e fundador do sindicato Comisións Labregas e dirixente destacado dalgunhas das loitas populares máis importantes da Galiza do período da Transición.

Valcarce comezou a súa loita política a comezos da década dos 70, primeiro nas filas do Partido Comunista internacional, unha organización de orientación maoista antecedente do Partido do Traballo (PT) e xa desde finais de 1974 no movemento nacionalista. Fundador da Asemblea Nacional Popular Galega(AN-PG) en 1975 e do BNG, candidato polo BN-PG nas primeiras eleccións após a morte de Francisco Franco, pasou varias veces polo cárcere antes e após a morte do ditador polo seu compromiso político. 

O acto estivo introducido pola responsábel do grupo de barrio do BNG en Monte Alto, Ana Míguez, contou coa presenza do voceiro nacionalista no Concello da Coruña, Francisco Jorquera e nel tomaron a palabra o músico e poeta Ricardo Seixo e o deputado no Congreso Néstor Rego.

Rego sinalou que “sempre teño moi presente, no pensamento mais tamén na acción, unha frase que nos deixou Moncho Valcarce, a de que o verdadeiro compromiso consiste en identificarse cos que sofren a opresión e pelexar pola súa liberación”.

“A loita pola conquista dunha Galiza e dun mundo novo”

“Sendo cura, identificouse coa causa das labregas e dos labregos e de feito tivo unha participación destacada, mesmo se pode dicir que liderou, loitas labregas fundamentais como a das Encrobas, de aí o seu apelativo, ou a de Baldaio”, sinalou Rego, quen lembrou como Valcarce “participou tamén activamente, como militante nacionalista, na loita pola conquista dunha Galiza e dun mundo novo”.

O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados destacou de Valcarce a “coherencia entre o que dicía e o que facía e por esa perspectiva de que é posíbel mudar as cousas para mellor e de que é necesario facelo colectivamente, mais tamén a partir do compromiso individual”.

“O BNG mantén vivo o soño de Moncho Valcarce, o de que é posíbel unha Galiza libre e un mundo sen opresión”, aseverou Rego, quen indicou que “ese é o compromiso que mantén vivo a militancia do BNG. E desde logo a mellor homenaxe que lle podemos tributar a Moncho é continuar o traballo político que el fixo de maneira exemplar durante toda a súa vida”.

Comentarios