Unhas xornadas abordan a situación dos arquivos fotográficos locais

As imaxes que gardan a historia, a debate

A Deputación da Coruña celebra os vindeiros 11 e 12 de novembro as xornadas A fotografía nas coleccións locais, que analizará o papel dos arquivos locais, exporán experiencias de difusión da fotografía e analizará diferentes experiencias que empregan a fotografía como expresión da memoria e da identidade local. 
O estudo dos Pacheco en Vigo, na primeira metade do século XX.
photo_camera O estudo dos Pacheco en Vigo, na primeira metade do século XX.

Os arquivos fotográficos son pezas fundamentais para conservar as imaxes do pasado e contribúen a coñecer e comprender de maneira coherente un país, unha época, unha identidade. A área de Cultura da Deputación da Coruña organiza, os días 11 e 12, no centro cultural A Fábrica de Oleiros, unhas xornadas nas que se analizará e debaterá a situación da fotografía nos arquivos locais, ás veces desatendidos por falta de recursos ou por puro desinterese. 

"En realidade non se pode disociar a situación dos arquivos da da fotografía galega en xeral", afirma Vítor Vaqueiro, fotógrafo e fotohistoriador -ademais de escritor- que debuxará unha panorámica xeral da fotografía na Galiza ao comezo da xornada e que moderará, ademais, unha mesa redonda sobre Arquivos e coleccións fotográficas da provincia da Coruña. 

"Cara a 1970", prosegue Vaqueiro, "dáse un cambio substancial na percepción xeral da fotografía en todo o mundo: entra nos museos, na Universidade, nos circuítos comerciais e na elaboración teórica da crítica. Esa corrente tamén se dá na Galiza, aínda que cun certo desfase debido á opacidade dunha sociedade aínda baixo a sombra da ditadura. Pero malia todo, temos un período que vai, máis ou menos desde 1975 ao ano 2000, no que a fotografía se converte nunha disciplina á que se lle presta atención desde múltiples instancias e que, polo tanto, esperta o interese da sociedade".  

Durante eses anos, Vigo e Lugo desenvolveron senllas Bienais de Fotografía que acadaron un nivel moi notábel, organizáronse exposicións, apareceron publicacións especializadas e puxéronse en marcha arquivos como o de Pacheco en Vigo. 

"Mais a partir do ano 2000 entramos nunha etapa de franco retroceso", afirma o fotógrafo e escritor. "Deixan de celebrarse as bienais, desaparecen as materias de fotografía que se impartían na Facultade de Ciencias da Comunicación, os arquivos que se puxeran en marcha son abandonados... Aínda hoxe, os estudantes de Historia da Arte non teñen unha materia de Fotografía, algo incomprensíbel se temos en conta as transformacións radicais que provocou a aparición da arte fotográfica". 

 

Unha oportunidade perdida 

Vaqueiro foi un dos responsábeis de deseñar o proxecto dun Centro Galego de Fotografía en Vigo, auspiciado por Xesús López, concelleiro de Cultura da cidade olívica na altura. O Concello de Vigo ten ao seu cargo o legado de Pacheco, mais tamén o de Ksado, o de Llanos, os fondos da Fotobienal de Vigo... Toda esa riqueza propiciaba a creación do centro fotográfico e, grazas aos equilibrios políticos do momento, a Concellaría de Cultura logrou que o Estado sufragase os gastos -máis de dous millóns de euros- para a construción e acondicionamento do edificio. 

"Inexplicabelmente, Abel Caballero, en canto obtivo a maioría absoluta, desbotou un proxecto de enorme altura, e dedicou o edificio a sede da Deputación de Pontevedra na cidade", relata Vaqueiro, que continúa: "Se non existen institucións especializadas, se non se organizan exposicións regulares, se a mocidade non pode estudar a historia da fotografía, nin as revistas culturais lle dan un espazo relavante... Como se vai interesar o público pola fotografía? E sen ese interese, como se van ver obrigadas as institucións a destinar recursos para o estudo e a conservación dos arquivos fotográficos? Estamos atrapados nunha especie de círculo vicioso do que vai resultar difícil saír". 

A memoria e a identidade locais a través da fotografía

Ademais de analizar o papel dos arquivos, as xornadas organizadas pola área de Cultura da Deputación da Coruña presentarán o traballo dos fotógrafos históricos da Costa da Morte R. Caamaño e J. Vidal, e repasarán o papel histórico xogado pola fotógrafa Anna Turbau. Ademais, varias mesas exporán experiencias de difusión da fotografía como o premio Luís Ksado e o Festival FFoco. Tamén se analizarán diferentes experiencias que empregan a fotografía como expresión da memoria e da identidade local.  

Comentarios