A illa de San Simón acolle a 2ª edición do Conecta Lab

Durante dez días nove cineastas e guionistas do audiovisual galego desfrutarán destas residencias artísticas recibindo formación e titorías personalizadas de recoñecidos profesionais do sector como Isaki Lacuesta, Rocio Mesa, Laura Ferrés, Jaione Camborda ou Chema García Ibarra.

Organizadores e asistentes ao Conecta Lab 2024.
photo_camera Organizadores e asistentes ao Conecta Lab 2024.

O pasado sábado inaugurouse na Illa de San Simón a segunda edición do Conecta Lab -organizado pola Asociación Galega de Profesionais da Direción e Realización, CREA -, un laboratorio creativo de desenvolvemento de proxectos cinematográficos no que os nove seleccionados, Sara Traba, Berio Molina, Gon Caride, Patricia Echeverría, Liebe Kehl, Marina Rúbies, Elena Martínez, Jorge Navarro e Samuel Lema traballarán, durante dez días, nos seus respectivos proxectos de maneira persoal, acompañados por titores especializados coa fin de profundizar en aspectos artísticos e narrativos.

Durante estes días os proxectos seleccionados contarán coa titorización e a formación de Isaki Lacuesta, Rocío Mesa, Daniel Castro, Chema García Ibarra, Jaione Camborda, Laura Ferrés, Noemi Chantada, Álvaro Gago e Enrique Lojo.

Durante o Conecta Lab, a illa será tamén escenario de encontros profesionais, mesas redondas, e proxeccións e instalacións artísticas que xeren espazos de comunicación entre creadoras, formulen temas de debate profesional ou aborden aspectos innovadores da creación audiovisual.

Ademais, estreitaranse lazos con Asturias coa visita da Asociación Lluces de creadores asturianos. Así, o Conecta Lab contará cun encontro con Marcos Merino, Marta F. Crestelo, Samu Fuentes e Lía Lugilde, así como coa proxección da curta de Lía Los trazos que quedan de ti e da longametraxe de Samu Los últimos pastores, estreadas no Festival de Xixón.

Tamén acudirán á illa Lucia Delgado e Tábata Cerezo de IntimAct, para impartir un obradoiro sobre as dinámicas de poder dentro dos procesos do cine e de como enfrontar a rodaxe de escenas íntimas.

Ademais, tamén terán lugar varias master class de Jorge Coira, Jaione Camborda, Diego San José e Pilar Palomero xunto con Mónica Bernuy.  

Comentarios