50 aniversario: a Revolución dos Cravos centra o programa da Filmoteca da Galiza

Colaboración coa Cinemateca Portuguesa.
Fotograma de "As armas e o povo" (1975). (Foto: MUBI)
photo_camera Fotograma de "As armas e o povo" (1975). (Foto: MUBI)

A programación de abril da Filmoteca da Galiza comeza esta terza feira, día 2, coa última sesión de "Lazos que unen", retrospectiva da cineasta estadounidense Su Friedrich, que se exhibe na Coruña en colaboración co Festival Punto de vista de Iruña, e proxectaranse as películas The Odds of Recovery e Today como comezo desta nova carteleira na que destaca a conmemoración fílmica dos 50 anos da Revolución dos Cravos.

En colaboración coa Cinemateca Portuguesa, entre o 24 de abril e o 3 de maio proxectaranse unha serie de documentais filmados nos días da revolución portuguesa e tamén ficcións que retratan a xente nas rúas e as manifestacións, así como o proceso de reforma agraria. 

En concreto, tal e como trasladou a entidade esta segunda feira, o ciclo "50 anos do 25 de abril" comeza na véspera desta efeméride cun dos títulos máis emblemáticos daqueles anos, As armas e o povo, documento histórico "de valor inestimábel" asinado polo Colectivo de Trabalhadores da Actividade Cinematográfica.

O propio día 25 haberá unha sesión de catro curtametraxes filmadas entre 1975 e 1976: 1º de maio, Revolução, Cravos de Abril e Paredes Pintadas da Revolução Portuguesa

Ao día seguinte, proxéctase Scenes From The Class Struggle in Portugal, do estadounidense Robert Kramer, un dos moitos cineastas estranxeiros que viaxaron a Portugal para filmar eses feitos históricos. Finalmente, e até as novas sesións de maio, o 30 de abril o público poderá descubrir As desventuras do Drácula Von Barreto em terras da Reforma Agrária, así como Terra de pão, terra de luta, de José Nascimento.

Comentarios