CRíTICA DE CINEMA

'A illa mínima'

Xa é sexta feira e Andrés Castro achéganos máis un filme para vermos esta fin de semana. 

A illa mínima

A ILLA MÍNIMA
Ano
: 2014
Duración: 105 min.
Director: Alberto Rodríguez
Guión: Rafael Cobos e Alberto Rodríguez
Fotografía: Álex Catalán
Música: Julio de la Rosa
Elenco: Javier Gutiérrez, Raúl Arévalo, Nerea Barros, Antonio de la Torre, Jesús Castro, Manolo Solo, Jesús Carroza, Juan Carlos Villanueva, Salvador Reina, Cecilia Villanueva

SINOPSE
Unha parella de policías de homicidios, con personalidades opostas, son enviados a investigar a desaparición de dúas mozas nun pequeno pobo de Andalucía. Cando as atopan os corpos danse conta que o caso ten semellanzas con outros anteriores. Un asasino en serie agóchase no pobo.

O primeiro que destaca é a fotografía de Álex Catalán

CRÍTICA
Thriller ambientado nun pequeno pobo andaluz das marismas do Guadalquivir protagonizado por Raúl Arévalo (AzulEscuroCaseNegro) e polo ferrolán Javier Gutiérrez (Un franco, 14 pesetas), recente Concha de Prata ao Mellor Actor no pasado Festival de Donosti polo papel de inspector de policía de métodos expeditivos herdeiros do antigo réxime. Arévalo interpreta á parella policial, de ideais un pouco máis democráticos. Malia as súas diferenzas son enviados a un pequeno pobo de Sevilla para investigar a desaparición de dúas rapazas. 

Após atopalas mortas con evidentes signos de seren forzadas, descubrirán que hai un mesmo patrón de asasinato e semellanzas con outros casos anteriores sen resolver. Unha lei do silencio imperante no pobo cheira a que quizais haxa algo máis turbio que a procura dun asasino en serie. A illa mínima é un filme de detectives, mestura entre Corrupción en Miami e True Detective, xunto cunha trama que bebe de Conspiración de silencio (1955, John Sturges) e O cebo (1958, Ladislao Vajda). O primeiro que destaca é a fotografía de Álex Catalán que, xunto con Gutiérrez, tamén foi premiado en Donosti. Ollo aos planos cenitais acadados mediante cámaras colocadas en drons. O comezo do filme é pura poesía. Imaxes que camiñan entre microscópicas e plano aéreo. 

A illa mínima é un filme de detectives, mestura entre Corrupción en Miami e True Detective

Non sabemos se estamos a ver imaxes das marismas do río Guadalquivir ou a imaxe médica dun cerebro en funcionamento. Metáfora pura arredor da complexidade da mente humana e o escenario onde se desenrola a trama preparando ao público a unha sorte de catarse colectiva sobre o que vai vir a continuación. O sevillano Alberto Rodríguez volta, após Grupo 7, a unha ambientación de “época” para describir unha trama policial onde os métodos empregados son tan importantes coma o proceso de investigación en si mesmo. Se Grupo 7 se situaba nos anos previos á Expo de Sevilla, A illa mínima acontece a principios dos 80, nun momento de transición democrática. 

Metáfora pura arredor da complexidade da mente humana

Volve contar con Antonio de la Torre que fai do rudo pai das nenas desaparecidas. A santiaguesa Nerea Barros (O ouro do tempo) métese na pel da sufrida nai. A verdade é que conta cun reparto moi ben compensado. Hai unha maior profundidade dramática das personaxes e un maior interese pola investigación do caso.

Tenta facer partícipe a espectador dándolle pistas para que trate de fiar os cabos da intricada tea de araña. Algunhas das pistas vanse un pouco da man e parecen un tanto forzadas, pero son meras licenzas que non desmerecen para nada ao conxunto. Boa ambientación, boa fotografía, boas interpretacións, trama policíaca con aires de novela negra e un final aberto deses que fai saír do cinema debatendo. Que máis se pode pedir?

Comentarios