Esta terza feira comeza na Coruña a cuarta edición da Semana do Cinema Galego

Código Emperador será o filme inaugural e na súa presentación intervirán o director Jorge Coira e a produtora Emma Lustres.
Fotograma do filme 'O corpo aberto'.
photo_camera Fotograma do filme 'O corpo aberto'.

A Coruña acolle desde esta terza feira e até o vindeiro domingo a IV Semana do Cinema Galego, unha celebración cinematográfica non competitiva, que exhibe o máis salientábel da produción audiovisual galega do último ano. 

Un total de nove filmes vanse proxectar no Teatro Colón da cidade herculina ao longo destes seis días, en sesións nas que participarán os equipos responsábeis das obras. 

O certame comezará esta terza feira ás 20 horas, e proxectará, tras o acto oficial de inauguración, Código Emperador, filme dirixido por Jorge Coira. A película constitúe unha reflexión sobre as cloacas do Estado, e nela Luís Tosar encarna Juan, un home afeito a lidar cos asuntos turbios dos poderosos. 

Mañá, tamén ás 20 horas, proxectarase o documental María Casares. A muller que viviu mil vidas, unha ollada íntima e profunda de Xavier Villaverde sobre a vida da grande actriz coruñesa que se estreou na Seminci de Valladolid e que vén de resultar gañadora do premio Mestre Mateo ao mellor documental. 

O día 16 de marzo comezarán as sesións dobres no Teatro Colón. Ás 20 horas vaise proxectar Onde máis doe, un documental de Manane Rodríguez no que a cineasta uruguaia afincada na Galiza analiza un caso de violencia vicaria que aconteceu en Oza no que un pai asasinou o seu fillo para danar a nai. 

Ás 22 horas exhibirase O home e o can, dirixida por Ángel de la Cruz e protagonizada por un Manuel Manquiña nun rexistro inédito na súa carreira. O filme reflexiona sobre a soidade non elixida, a vellez, así como o abandono das aldeas.

O programa do día 17 de marzo comezará coa proxección, ás 20 horas, de A Foreign Song, de César Souto, filme inspirado na obra e biografía do poeta estadounidense Wallace Stevens. Ás 22 horas, o público poderá gozar de No somos nada, de Javier Corcuera, un repaso aos corenta anos de La Polla Records, unha das bandas máis icónicas do punk estatal. 

Na sesión do sábado 18 poderán verse, ás 19.30 horas, Live is Life, unha incursión de Dani de la Torre na comedia cunha historia ambientada nun verán inesquecíbel dun grupo de mozos na Galiza de 1985; e ás 22 horas, O corpo aberto, de Ángeles Huerta, a gran triunfadora dos Mestre Mateo, que obtivo doce galardóns, incluíndo os de Mellor Longametraxe e Mellor Dirección. 

A semana rematará o domingo 19 coa proxección de Valentina, a película de Chelo Loureiro, gañadora do Premio Goya á mellor longametraxe de animación no ano 2022. 

Comentarios