Máis

A grande estrea do Revenidas Miúdo

O Festival de música Revenidas innova en formato para achegar este domingo -coa súa primeira feira- a festa e a cultura até os máis novos e novas das casas. O Mago Paco, Uxía Lambona, Peter Punk, Pakolas, Cé Orquestra ou Paco Nogueiras conforman un cartaz que a organización define como un "all stars" da música galega para a diversión e o desfrute da rapazada.
gala circo web
photo_camera Peter Punk na gala do circo do festival Revenidas celebrada na pasada edición. (Foto: Revenidas)

O festival Revenidas de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa (O  Salnés), é unha das datas que a maioría dos festivaleiros e das festivaleiras da Galiza teñen apuntadas nas súas axendas. Celebrado a comezos de setembro semella pór punto final aos concertos da época estival e nos últimos tempos vense consolidando como un evento clave dentro do panorama musical. Quizais porque permite fechar a tempada cultural co mellor sabor de boca, o das Revenidas da vila mariñeira. Ou o que é o mesmo, o das sardiñas típicas da zona, cun tamaño e gusto tan característico como o do cartaz dun festival que ano tras ano consegue superarse.

Malia todo, 'o Reve', como o coñecen cariñosamente, semella non deixar nunca de innovar. Xa en 2022 procurara seguir expandindo as súas fronteiras até Ribadeo, Celanova e Lugo en colaboración con Turismo de Galiza e no marco do Xacobeo 21-22. Semella que a experiencia resultou positiva porque este ano estrean un novo formato, o Revenidas Miúdo. Unha iniciativa que Xoán Quintáns, organizador do festival, afirma en declaracións a Nós Diario que non se pode definir como un “Revenidas ao uso”, senón como unha festa da música infantil.

Así, as nenas e nenos da Galiza teñen unha cita o vindeiro 16 de xullo no Complexo turístico do Monte do Gozo, en Compostela, nun día no que o que se pretende é que poidan desfrutar ao máximo dun festival pensado para eles co obxectivo, en palabras do propio Quintáns, de “achegar aos máis pequenos e pequenas a arte e a lingua galega”. A partir das 12 horas e durante todo o día, algúns dos grupos máis recoñecidos dentro do espectáculo infantil daranse cita nun espazo que contempla tamén actividades paralelas. Todo de balde para que ninguén se perda esta tarde de troula en familia.

Diversidade e diversión

Na dinámica habitual do festival, o Revenidas Miúdo contará con dous escenarios entre os que se dividirán as actuacións dun cartaz que se compón de propostas do máis heteroxénas e no que se atopan varios nomes xa coñecidos para o festival Revenidas e para a súa tradicional Gala do circo.

Desde a maxia máis teatral do Mago Paco e a súa mestura entre ilusionismo e artes escénicas, até as versións de temas populares de Uxía Lambona e a Banda Molona transformadas a xéneros como o rock ou o ska; pasando polo clown de Peter Punk co seu humor fresco, irreverente e orixinal e a través do home orquestra coñecido como Cé Orquestra Pantasma. O cartaz conta tamén co músico, compositor e “guitarreiro” Pakolas, acompañado da ilustradora Laura Romero, encargada de debuxar a música dun dos artistas máis “rockeiros” da escena infantil. A festa féchaa Paco Nogueiras. Con espectáculos como Radio Bulebule (Premio Martín Códax da Música na categoría de música infantil no ano 2021) ou o seu último proxecto Extra!, este actor reconvertido en músico e músico reconvertido en actor será o encargado de pór o ramo á xornada.

Ademais, o festival completarase con dúas zonas alternativas. Por unha banda, o Espazo Bebe acollerá ao longo do día distintos obradoiros e contará coa presenza das contacontos Bea Campos e Cris de Caldas. Mentres tanto, o Espazo de xogos albergará, como o seu nome indica, diferentes xogos tradicionais para manter activos aos asistentes do festival. Compleméntase así unha oferta variada chea de música, maxia, circo, xogos... Contando tamén con posibilidades dentro da oferta gastronómica e lugares para o descanso e o lecer para que maiores e pequenos poidan desfrutar ao máximo de todas as actividades.  

Un éxito asegurado

Xoán Quintáns relaciona a importancia deste festival coa cantidade de grupos que existen na Galiza destinados ao público infantil. Así como coa súa capacidade de mobilización e convocatoria. Quintáns salienta tamén o exemplo paradigmático de grupos como o de Uxía Lambona, capaces de convocar “até 1.000 persoas, malia non ser coñecidos para o gran público”.

Para a organización, “todo o que ten que ver coa rapazada é éxito asegurado”. Remarcando que esta non é a súa primeira incursión na busca de satisfacer as reclamas deste público “miúdo” que se presenta esixente como o que máis. De feito, no seu formato máis tradicional, o Revenidas conta tamén coa Gala de circo, un dos eventos que serven para fechar o festival e que pon o foco na cativada da casa. Demostrando unha vez máis que 'o Reve' non só busca rachar coas fronteiras do país, senón crear puntos de unión entre distintas xeracións.

Tanto é así que a intención dos organizadores é que esta primeira edición “miúda” sirva como unha “proba piloto que permita que o festival medre para poder repetilo en distintos lugares durante os próximos anos”.

Na agarda do Revenidas

Este Revenidas Miúdo serve para ir quecendo motores na agarda da dezanove edición do festival de Vilaxoán que se celebrará entre os día 7 e 10  do mes de setembro. Así, o Revenidas, caracterizado pola súa diversidade e o seu compromiso coa presenza feminina, xa adiantou o seu cartaz por días. Malia todo, Xoán Quintáns asegura que “aínda quedan sorpresas por revelar”. Entre estas sorpresas pódese destacar a falta de confirmación dalgún dos grupos participantes e a programación de todas as actividades paralelas como a gala de circo, a música de rúa ou os concertos a bordo.

Este ano pasarán pola comarca do Salnés máis de 35 grupos que unirán nun mesmo espazo rock, ska, folk, música de raíz, rap, indie... Unha mestura do máis heteroxénea en xéneros e linguas cunha proposta do máis variada nunha edición marcado polo XX aniversario do grupo Dakidarría, a volta aos escenarios de Herdeiros da Crus, a despedida de Desakato ou por ser espazo dos únicos concertos na Galiza de grupos como Ska-P ou Zoo.

As expectativas son boas, tanto é así que desde a organización aseguran que “a venda vai mellor que nunca”. Agora mesmo atópanse cun 90% dos abonos vendidos e para o sábado as entradas están practicamente esgotadas. Un elevado ritmo de venda que levou á organización a habilitar unha segunda zona de acampada.
 

Comentarios