Máis

Gozar da praia, o sol e o mar en corpo nu

A Galiza foi pioneira na reivindicación do naturismo nas praias. Unha loita que conseguiu que ao redor de 60 areais da costa galega sexan de tradición nudista. Hainos, tamén, nos que conviven naturistas e xente con traxe de baño.
O nudismo na Galiza emerxeu con relativa forza a finais dos anos 70. / Nós Diario
photo_camera O nudismo na Galiza emerxeu con relativa forza a finais dos anos 70. (Foto: Nós Diario)

No verán de 1983 catorce persoas que practicaban naturismo na praia de Baroña (Porto do Son, comarca de Noia) foron prendidas pola Garda Civil acusadas de "escándalo público". Non era a primeira vez que acontecía, en 1975 varias persoas foran tamén detidas, desta volta na canguesa praia de Barra, pola mesma razón embora nun contexto político diferente. 

A Galiza tornábase así en pioneira na defensa do naturismo da man da Coordenadora Nudista Ecolóxico Radical (CNER), fundada entre outras persoas polo sociólogo Miguel Cancio e cuxo obxectivo era loitar para que se puidese practicar o nudismo de maneira libre, respectuosa e sen se veren prendidas ou represaliadas polas forzas policiais.

Así as cousas, a hemeroteca lembra que aquelas detencións na praia de Baroña non foran estritamente por andar en cirolas na praia —que tamén-— senón pola denuncia da destrución do litoral da man da especulación urbanística e a privatización que isto supuña dos areais. No concreto, a construción dun edificio de catro andares a carón dunha praia que está localizada, cómpre lembrar, a carón dun importante castro. Naqueles primeiros anos do movemento, un dos nomes que na zona se lles daba aos nudistas era o de coiristas (por se bañar en coiros vivos).

A Coordinadora Nudista naceu, como lembraron anos despois algúns dos seus responsábeis, "para loitar, firme, festiva, revulsiva, poética, vital e indominabelmente, pola liberdade e a verdade ao espido; naceu para conseguir que os nudistas, de forma libre, responsábel e respectuosa, puidesen tranquilamente practicar o nudismo sen verse detidos, acusados do delito de escándalo público, sen verse acosados, insultados, perseguidos, procesados e agredidos; xurdiu para denunciar o arrase urbanístico provocado e, na Galiza, por casos como o búnker de Baroña e outros moitos que arrasaron e seguen arrasando a paisaxe e a costa galega". 

A lexislación sobre o nudismo mudaría no ano 1989. Así, ir en cirolas á praia deixou de constituír un delito embora non o "escándalo" e a "desorde pública". As Administracións locais pasarían a regular esta práctica e mesmo tentarían acoutala ao máximo, como aconteceu cos gobernos de Barcelona, Cádiz ou Valladolid con ordenanzas que, no entanto, non chegarían a aprobarse. 

A pioneira loita levada a cabo na Galiza a prol do nudismo e en defensa do territorio permitiu que na actualidade se conten por ducias as praias nas que se permite. De facto, a Federación Española de Naturismo (FEN) cifra en por volta de 60 o número destes areais despregados, aliás, por todo o noso territorio.

O nudismo afronta novos retos, nun movemento que non se circunscribe só a praias e areais da costa galega

Alén da Praia de Area Longa no Castro de Baroña e da de Barra en Cangas, tamén se atopan a de Combouzas en Arteixo, a dos alemáns en Foz, o Caolín no Vicedo, a de Figueiras nas Illas Cíes, a de Marín en Miño ou algunhas calas na Illa de Arousa, entre moitos outros areais. 

Cando falamos de praias de tradición naturista na Galiza subliñamos o de "tradición" porque o nudismo é legal no Estado sen restricións de espazo e, polo tanto, non ten senso etiquetar á parte as praias naturistas, dado que calquera pode selo. Ao menos, mentres non se incorra en delito de exhibicionismo, é dicir, en "actos lúbricos ou de exhibición obscena ante persoas menores ou persoas con discapacidade mental", non hai lugar prohibido para liberarse das cadeas téxtiles nas praias.

O músico Antón Axeitos 'Tonhito de Poi' é un firme defensor do nudismo. "Sabes o guai que é? Unha vez que probas bañarte espido, despois estar co traxe de baño resulta incomodísimo. Saes da auga, xa te secas, non quedan marcas... Iso é como cando sabes valorar o viño, despois xa non volves ao kalimotxo", confesaba a Nós Diario.

Non son poucos os atractivos destes lugares. Un deles, a tranquilidade. "Hai moito máis silencio e son praias máis respectuosas". Ana, nome suposto dunha profesora agora nos cincuenta anos, frecuenta desde que case era adolescente a praia de Combouzas, en Barrañán (Arteixo). Para ela, que acode tanto a praias nudistas como téxtiles, o pudor é relativo. "A min dáme máis vergonza, por exemplo, que se me mova o bikini estando na praia en Mera (Oleiros)". E sentencia: "O que che fai sentir pudor é a mirada dos demais".

Sensación de liberdade

"Pola sensación da liberdade, porque é moito máis natural tomar o sol e bañarse así e supoño que tamén ten que ver cunha forma de vivir máis libre, máis hippy". Son as razóns que alude Amparo, tamén docente de profesión, cando se lle pregunta por que leva ao redor de trinta anos indo a praias de tradición naturista, desde aqueles 80 nos que a súa reivindicación podía aínda ser motivo de detención.

Malia que a Galiza de principios do século XXI é unha sociedade, en principio, máis libre, hai algo que nos últimos anos lle chama a atención a Amparo: a presenza cada vez maior de persoas con traxe de baño en espazos nudistas. "O nudismo vai a menos. Moitas praias nudistas están sendo invadidas por xente que non fai nudismo, cousa que non podemos facer nós, porque queda mal e a xente protesta", afirma Amparo. Un extremo que tamén ten denunciado publicamente o escritor Francisco Castro.

Desde Naturigal, unha das asociacións nudistas que existen no país, lembran que o nudismo non é só para a costa e o litoral. Así, este colectivo ten organizado andainas naturistas para gozar das Pozas de Melón, unha paraxe privilexiada coas súas características pozas e fervenzas, situadas no enclave natural no río Cerves, no Concello de Melón, comarca do Ribeiro.

Hai que "normalizar o nudismo e eliminar tabús", sosteñen desde Naturigal. "O espido é un estado natural do ser humano", manifestan, "alleo ao ámbito sexual, publicitario ou reivindicativo". Entre as praias que salientan para practicar o nudismo están a de Ponzos, en Ferrol; Lariño, en Carnota; Area Branca, en Camariñas; ou Niñeiriños, na Pobra do Caramiñal. "Preservar para a práctica do naturismo as zonas de tradición nudista, así como promover a creación de espazos públicos e privados para o seu uso". Esta reivindicación de Naturigal colle nestes meses de verán un novo pulo.

Comentarios