A Galiza prepárase para celebrar o Día de Rosalía: todos os actos e homenaxes no 187 aniversario do nacemento da poeta

A conmemoración do Día de Rosalía pretendía, no seu momento, festexar a literatura e o libro galego, pero a cidadanía ampliou o seu alcance nunha mestura de homenaxe, reivindicación, impulso transformador e orgullo de pertencer a unha cultura. O 23 de febreiro, aniversario do nacemento da poeta, é xa unha data grande no calendario galego, na que a sociedade recoñécese e festexa a súa identidade, sempre resiliente ante todas as agresións.
Vero Rilo, Nuria Vil  e Mónica de Nut, protagonistas de 'Indóciles'.
photo_camera Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut, protagonistas de 'Indóciles'.
Xa hai anos que unha idea simple xurdía da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG): agasallar cunha flor e cun libro en galego as persoas queridas para celebrar a literatura galega no aniversario do nacemento de Rosalía de Castro. A idea prendeu na sociedade e, cada vez con máis ímpeto, o Día de Rosalía celébrase cada 23 de febreiro recollendo programas e actos de homenaxe e de recoñecemento por todo o país.

Ese arraigo popular dálle maior relevo aínda a actos máis solemnes como a ofrenda floral no sepulcro de Rosalía e a lectura do manifesto que cada ano encarga a AELG a un autor ou autora de prestixio. Este ano, será Carlos Callón quen lea o seu texto o sábado 24 de febreiro, ás 12 horas, no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Compostela. Música e poemas rosalianos completarán o acto.

Para o mesmo día 23, a AELG convoca actos na Coruña (en colaboración coa AC Alexandre Bóveda, ás 17 horas, diante do Teatro Rosalía), en Lugo (ás 12 horas, no Auditorio do Vello Cárcere) e en Vigo (en colaboración coa Asociación Cultural O Castro diante do que foi a imprenta de Juan Compañel, onde se editou a primeira edición de Cantares Gallegos). En todos eles escoitaranse poemas rosalianos a carón do manifesto escrito por Callón.

Entidades e institucións

Tamén os actos convocados pola Fundación Rosalía adquiren un novo lustre. Como cada ano, a entidade encargada de velar polo herdo da poeta organiza alboradas en Padrón (o día 23 ás 10 horas) e Compostela, cunha ofrenda floral nas proximidades da casa onde naceu a autora, na praza de Vigo na capital galega (ás 11 horas).

Ademais, a Fundación promove o "Caldo de Gloria", unha iniciativa inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” que consegue a adhesión de cada vez máis locais hostaleiros e comedores escolares, ademais de Concellos e empresas de toda a xeografía galega que se suman á celebración. A Fundación Rosalía celebrarao na Casa da Matanza de Padrón, desta vez da man da parella gastronómica e cultural de Suso Coba -responsábel do popular restaurante compostelán O Dezaseis- e a cantora Uxía.

A Casa de Rosalía, coa complicidade da Fundación Xistral, promoven este ano unha campaña de promoción do libro galego que agasallará 20.000 escolmas rosalianas entre todas as persoas que merquen un libro en galego en calquera libraría do país até o vindeiro 3 de marzo.

Pero son moitas máis as entidades que se suman á celebración. O Instituto de Estudos Chairegos, por exemplo, continuando cos actos que durante os meses de febreiro e marzo ten programados en homenaxe a Rosalía de Castro baixo o título de Quero ver o mar, organiza o día 23, ás 20 horas, no Vestíbulo do Auditorio Municipal de Vilalba, a proxección do documental A rosa incandescente, realizado por David Vázquez. 

E tamén as institucións: a Vicepresidencia da Deputación de Lugo impulsa unha ampla programación cultural na que conflúen a música, artes plásticas e a palabra ten como data central a sexta feira co festival "As literatas para Rosalía de Castro", con actuacións de MJ Pérez, Antía Muíño e Belém Tajes

Festivais e artes

Pola súa parte, o Concello de Santiago, xunto coa Deputación da Coruña, celebra un festival que durará dous días e no que un concerto de Loita Amada, a ruada rosaliana dos Quinquilláns, o proxecto Indóciles ao redor da obra de Luísa Villalta ou o recital organizado pola editora Chan da Pólvora serán os pratos fortes.

O proxecto Indóciles -no que Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut ofrecen unha proposta multidisciplinar para achegarse á homenaxeada das Letras Galegas deste ano- terá hoxe, ademais, a súa estrea en Arcade (Soutomaior). E igual que este, son moitos os concellos que preparan actos e programas especiais para unirse á festa de Rosalía: Betanzos, Boiro, O Carballiño, Carnota, Cervo, Cospeito, Moaña, Outeiro de Rei Vilalba... Padrón dedica un mes completo á celebración, mentres que Redondela lanza aos centros de ensino o reto Unha semaniña enteira, animando a mocidade a falar en galego durante a semana do 26 de febreiro ao 3 de marzo.

Todas elas son formas diversas de celebrar unha efeméride que vai ampliando o seu apoio popular e á que se suman Concellos, deputacións, universidades, entidades públicas e privadas e centros de ensino e que debería servir para que Rosalía sexa un pouco menos "estranxeira na súa patria".

O ensino, na vangarda

Non se pode esquecer o papel principal que xogan os centros de ensino na celebración do Día de Rosalía. En infinidade deles teñen lugar diferentes actividades que demostran a actualidade de Rosalía. Concursos de debuxo, actividades de normalización lingüística, versos da poeta musicados polo estudantado, lecturas públicas e, desde logo, gravacións en tik-tok, instagram e outras redes sociais desde as que proxectar unha Rosalía actualizada e renovada.

Comentarios