Pontevedra celebrará o Día de Rosalía cunha lectura colectiva

A vindeira sexta feira, 23 de febreiro, o Concello de Pontevedra ten preparada unha programación oficial co gallo da celebración do Día de Rosalía de Castro, en colaboración coa Asociación de Escritores/as en Lingua Galega. O acto principal do Día de Rosalía sucederá ás 20 horas no centro social do Gorgullón, espazo que acollerá a lectura de textos de Cantares gallegos e Follas novas. Trátase dun acto aberto a toda a cidadanía, no que pode participar de xeito directo. Será conducido por Miriam Ferradáns, que tamén lerá o manifesto de AELG nesta data tan sinalada. Doutra banda, o colectivo artístico O Fruto e a serpe encargarase da ambientación do acto. Desde a área de Normalización Lingüística, sinalan que a homenaxe pontevedresa céntrase nos textos rosalianos escritos en galego, para destacar "o papel da autora na reivindicación do uso da lingua galega nunha época en que publicar en galego -e ademais sendo unha muller- era un acto revolucionario". Ademais, "a súa escrita pioneira abriu o camiño á literatura galega moderna". 

Monumento a Rosalía en Pontevedra.
photo_camera Monumento a Rosalía en Pontevedra.
Comentarios