Así será a sexta edición do Festival Rosalía

O concerto de Loita Amada, o pasarrúas rosaliano dos Quinquilláns, o proxecto Indóciles ao redor da obra de Luísa Villalta ou o recital organizado pola editora Chan da Pólvora son algúns dos pratos fortes da edición deste 2024.

Antón lopo, Goretti Sanmartín e Soledad Agra.
photo_camera Antón lopo, Goretti Sanmartín e Soledad Agra.

O Festival Rosalía, organizado pola Deputación da Coruña e o Concello de Santiago de Compostela, celebrará os vindeiros días 23 e 24 de febreiro a súa sexta edición para conmemorar o 187º nacemento da escritora.  O programa, que terá na compostelá praza de Mazarelos o seu epicentro, desenvolverase baixo o lema "Un grande atrevemento" e conxugará unha quincena de actividades de diferentes xéneros. 

Así o adiantou onte a deputada provincial de Normalización Lingüística, Soledad Agra, xunto á alcaldesa de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín, e o escritor e editor Antón Lopo. A sexta feira 23, o festival arrincará ás 17 horas coa apertura da Feira de produtos con "marca Rosalía". Media hora despois, a Trastenda dos Contos presentará Somos fíos, somos fontes, somos regatos pequenos, unha sesión de contacontos familiar.

 Ás 19 horas, Isabel Risco e Fran Rei encarnarán a Rosalía de Castro e a Eduardo Pondal no seu espectáculo escénico Dúo vaguedades. E xa ás 20.30 horas, o Festival Rosalía recibirá Indóciles, proxecto que reúne a cantante e compositora Mónica de Nut, a narradora oral Vero Rilo e a resitadora Nuria Vilán Prado (coñecida artisticamente como Nuria Vil) para achegarlle ao público a obra de Luísa Villalta, autora homenaxeada nas Letras Galegas deste ano. 

O sábado abrirá ás 12 horas con Ópera Break's, un espectáculo que mestura canto lírico, break-dance, Beatbox e Dj nunha función con Esperanza Mara e os artistas urbanos do colectivo Vella Escola. Ás 13.30 horas, chegará a Sesión Vermú da man de Luís Vallecillo, co seu espectáculo para público familiar Cantamos con... Rosalía de Castro!

 Ás 16.30 horas, o grupo Quinquilláns ofrecerá un pasarrúas teatralizado que percorrerá a cidade viaxando a 1880, cando Rosalía está a piques de abandonar  Compostela. Ás 17 horas, terá lugar Contos nunha roda, sesión de narración oral baseado no libro Cantares gallegos.

Ás 17.30 horas, dará comezo o Quiz Rosaliano, un concurso aberto para que cadaquén amose os seus coñecementos sobre Rosalía. E ás 18.30 horas, a investigadora Pilar García Negro presentará o seu libro Intenso e solidario Feminismo. Estudios Rosalianos, na compaña da editora Mª Carme Pérez-Sanjulián.

 Ás 20 horas, Chan da Pólvora reunirá Rosalía Fernández Rial, Sol Mariño, Lúa Mosquetera e Nuria Vil no recital O atrevemento da voz nos versos, que parten de poemas de Rosalía para levantar un recital no que a poesía será repensada. O Festival despedirase ás 21.15 horas coa actuación de Loita Amada

Comentarios