venres 30/10/20

Gabriel Álvarez: "A lingua e a cultura galegas tamén se nutren a través das traducións"

Afeccionado á lingua xaponesa desde novo, Gabriel Álvarez Martínez especializouse na tradución directa desde o xaponés. Da man de distintas editoras, en ocasións xunto a tamén tradutora Mona Mai, ten trasladado ao galego obras de Haruki Murakami, Jun'ichirō Tanizaki ou, neste 2020, de Takiji Kobayashi, concretamente O Caranguexeiro (Hugin e Munin). "Ten conexión coa actualidade pola explotación laboral que reflicte", valora.
O tradutor Gabriel Álvarez Martínez (Imaxe: Nós Diario).
O tradutor Gabriel Álvarez Martínez (Imaxe: Nós Diario).

Como chega a especializarse en xaponés?
Comecei a estudar xaponés no instituto, no Carballiño, pola miña conta. Daquela non había opcións para aprendelo, como hai agora nas Escolas Oficiais de Idiomas. Estudei Tradución e Interpretación en Vigo e seguín formándome en xaponés por conta propia. En cuarto curso presenteime a un concurso de tradución cunha adaptación de Rashomon, de Akutagawa, e gañei. Contactáronme da Editorial Rinoceronte e propuxéronme traducir xunto con Mona Imai. A maiores, entre 2010 e 2014 vivín no Xapón grazas a unha bolsa do Ministerio de Educación e Cultura nipón. 

Dificulta a tradución unha maior distancia cultural?
Por suposto, hai unha maior separación da cultura xaponesa que doutras europeas, por exemplo. E no caso do Xapón, a propia lingua posúe un grao de complexidade que fai máis difícil esa translación.

Unha obra como o Caranguexeiro ten conexión coa actualidade, reflectida na explotación laboral

Resulta máis doado traducir libros contemporáneos?
En xeral diría que si, xa non pola maior proximidade cultural senón, no caso do xaponés, porque as obras clásicas fan un uso de ideogramas e expresións que xa non son habituais. Porén, unha obra como o Caranguexeiro ten conexión coa actualidade, reflectida na explotación laboral. 

No caso de 'O Caranguexeiro', como se preparou para a súa tradución?
Eu xa coñecía a obra, pois é moi famosa. En 2008, polo 75 aniversario da publicación da peza, publicouse unha reedición no Xapón que foi un auténtico boom. Tivo moi boa acollida, sobre todo polo público máis novo. En plena crise económica, cunha difícil situación laboral, a poboación sentiuse identificada co relato. No meu caso, o que sempre fago é ler a obra enteira antes de traducila. A maiores, lin un ensaio sobre o autor dunha escritora xaponesa-estadounidense e unha antoloxía de textos do movemento literario no que se inscribe O Caranguexeiro, a literatura proletaria dos anos vinte e trinta. A dificultade que atopei, máis que unha linguaxe técnica mariñeira, foi que unha gran parte dos diálogos recollen un dialecto propio de Hokkaido. Tamén relín obras de autores galegos da época, como De catro a catro de Manuel Antonio ou Mitteleuropa, de Risco.

Relín obras de autores galegos da época, como De catro a catro de Manuel Antonio

Nunha entrevista explicou que traduce ao galego un pouco por militancia. 
Eu penso que a lingua e a cultura galegas tamén se nutren a través das traducións de obras clásicas ou contemporáneas de todo o mundo. É importante incorporar ideas e recursos por medio das traducións sen depender sempre do español.

Hai algunha autora ou autor que lle apeteza especialmente traer ao galego?  
Gustaríame traducir a Tomoyuki Hoshino. Cheguei a el por unha encomenda para a revista Granta, que me pediu traducir ao español un conto. É un autor duns cincuenta anos, cunha obra moi interesante e comprometido con certas causas, o cal penso que non é habitual no Xapón. Si o era nese movemento da literatura proletaria, pero hoxe en día non é común.

Galiza contou con series xaponesas emitidas en galego, bota en falta esa oferta na banda deseñada?
En xeral, penso que non hai moita banda deseñada traducida en galego. No mercado catalán é máis común e eu creo que a xente da miña xeración ou máis nova acollería moi ben traducións de manga. Entendo que para as editoras poden velo como unha aposta arriscada, mais hai publicacións autoconclusivas ou pequenas series que penso que servirían para comezar. Persoalmente, encantaríame traducilas. 

Creo que a xente da miña xeración ou máis nova acollería moi ben traducións de manga

comentarios