A Fundación Luís Seoane inaugura unha grande mostra da obra de Xaquín Marín

A federación de asociacións culturais Galiza Cultura inaugura, este sábado 20 de abril, na Fundación Luís Seoane da Coruña, a exposición Xaquín Marín, humor líquido’ da súa programación de actividades ao redor da obra do humorista gráfico. 
 
Xaquín Marín fronte á súa reprodución.
photo_camera Xaquín Marín fronte á súa reprodución.

Gaspariño, o Pé, Isolino, o cacique Don Augusto, Lixandre, Tonecho, Caitano ou o Xinete: as personaxes creadas por Xaquín Marín forman parte xa da memoria sentimental das persoas lectoras. Todas elas xuntaranse na exposición que se inaugura este sábado 20 de abril, as 19 horas, na Fundación Luís Seoane da Coruña, Xaquín Marín, humor líquido.

Máis de 150 obras dan conta na mostra da evolución de quen foi considerado por algún estudoso "o humorista gráfico galego máis relevante desde Castelao". Desde os seus inicios como pintor social e a través da súa posterior evolución na procura dunha arte que respondese a circunstancia e a esencia do país, a exposición ofrece unha oportunidade única, de formar unha imaxe completa do universo creativo e da evolución artística dun creador que se revela polifacético -pintor, humorista gráfico, creador de banda deseñada, cartelista, ilustrador e muralista- e irredutiblemente persoal.

A traxectoria de Marín comeza cos seus intentos de dedicarse á pintura en Madrid e co seu providencial encontro alí con Reimundo Patiño, que se decatou de que o seu estilo de debuxo era axeitado para o cómic. Animado pola novidade do xénero, enviou os seus debuxos á revista Chan, que dirixía Borobó, na que, entre outras, publicou O emigrante, considerada o inicio da moderna banda deseñada galega.

En colaboración con Patiño, aínda publicaría, en 1975, o primeiro álbum de cómic en galego, 2 viaxes, outra das pedras angulares da banda deseñada do país, reeditado recentemente pola editorial Elvira.

Marín iniciou neses anos unha infinita sucesión de traballos para publicacións como Teima, A Nosa Terra, El Ideal Gallego, Das Kapital, Can sen dono, A ameixa cacofónica, Diario16, La Codorniz, Hermano LoboLa Voz de Galicia ou Golfiño, que o converteron nunha figura imprescindíbel do humorismo gráfico do país. Tamén fóra da Galiza Marín publicou as súas viñetas: nas francesas Le Telegramme (Morlais) e Ouest-France (Rennes), a portuguesa Trevim (Lousã) ou a mexicana Norte (Monterrey) son algúns exemplos.

 

Cronista social

Xaquín Marín, humor líquido fai parte do proxecto Xaquín Marín alén das viñetas, no que a Federación de asociacións culturais Galiza Cultura vén traballando desde o ano 2022 e que acadou o seu vértice na homenaxe nacional que se lle rendeu o pasado 7 de outubro no Teatro Jofre de Ferrol. Naquela gala, púxose de manifesto, ademais da súa mestría, o seu infatigábel labor en defensa da Galiza e da lingua galega, e o seu fondo compromiso cos intereses das galegas e os galegos.

A través do debuxo, Marín reflectiu nas súas viñetas as mudanzas experimentadas pola sociedade galega ao longo de seis décadas, de modo que a retrospectiva que agora inaugura a Fundación Luis Seoane pode ser considerada tamén como unha crónica que resume a memoria colectiva das últimas décadas, un relato do sucedido no "Impaís", como el mesmo subliña, desde unha mirada que compaxina o popular, a ironía e a crítica social.

Marín, que recibiu, entre outros moitos, o Premio Galicia de Xornalismo (1984 e 1989), o Premio Galicia de Comunicación (1996 e 1997) ou o Premio da Crítica de Galicia en Artes Plásticas (2015), denunciou desde as súas viñetas o caciquismo, a emigración, a desaparición da lingua, o desarraigo cultural, a destrución do medio natural, o machismo ou a renuncia á identidade propia, sempre cunha retranca que tende a cuestionar a falsa modernidade e unha artificial idea de progreso.

 

Impulsor comprometido

O I Seminario Galego do Humor, celebrado o 26 e 27 de xuño de 1982 no Laboratorio do Castro, en Sada (A Coruña), baixo o maxisterio de Isaac Díaz Pardo, pódese considerar o punto de partida da segunda idade de ouro do humor gráfico galego.

Medio ano despois, a comezos de 1983, Siro e Xaquín Marín puñan en marcha unha campaña a prol do humor que percorrería toda a Galiza durante dous anos. Os seus eixos eran unha exposición conxunta de viñetas e un Manifesto en defensa do humor que pretendía chamar a atención de sociólogos, críticos de arte, entidades culturais e medios de comunicación sobre o descoido que o humor, gráfico e literario estaba a sufrir nos últimos anos na Galiza.

Pouco despois daquela exposición, inaugurábase o Museo do Humor de Fene –o primeiro da península ibérica– na Casa da Cultura do Concello, o 24 de novembro de 1984. Marín foi o seu principal impulsor e ao longo de 25 anos, até a súa xubilación en 2008, exerceu como o seu director. Durante todo ese tempo, o museo realizou un importante labor de promoción do humor gráfico con premios, exposicións, conferencias, cursos, publicacións e, sobre todo, a través das Xornadas do Humor e dos Premios Curuxa.

Esa vontade mobilizadora tamén lle serviu para tomar partido en innumerábeis temas sociais nos que se mostrou como un activista comprometido: na defensa da lingua, desde o comezo da súa carreira, e tamén diante de agresións ao país como a derivada da traxedia do Prestige: o artista converteuse no promotor da exposición Humor cru e participou no álbum de cómic H2Oil, no que ducias de ilustradores de todo o Estado denunciaron a situación.   

 

Unha arte renovadora creada en diálogo coa tradición popular

“Marín é un dos máis fieis cronistas da Galiza do seu tempo, a de entre séculos. Ningún outro humorista contou coma el os profundos cambios vividos pola Galiza nos últimos 45 anos. Neste sentido, deixou sinais claros de que o humor gráfico pode e debe ser un exercicio refinado de xornalismo".

O investigador e xornalista Félix Caballero, autor dunha tese de doutoramento sobre Xaquín Marín,  define así o papel de cronista social que o autor exerce desde as súas viñetas na prensa diaria.

Segundo Caballero, o proceso de transformación que viviu a Galiza nos últimos 60 anos supuxeron un risco para a pervivencia da súa identidade cultural. Marín denuncia ese esquecemento da tradición en nome dun falso progreso. "Marín non está en contra do progreso, pero quere que dialogue coa tradición, en vez de negala", escribe. E cita ao propio Marín: "Os que tanto falades de mestizaxe cultural, teredes en conta que para facela é preciso ter viva a cultura propia".

E a súa propia obra plástica opera como exemplo do que debería ser ese diálogo entre tradición e modernidade. Caballero descobre nos seus debuxos "un estilo profundamente orixinal" que, ao mesmo tempo, contén as constantes sinaladas polos teóricos da arte popular galega: o hieratismo das personaxes, o horror vacui, as formas redondeadas e os volumes simétricos.

Ao tempo, explica, "Marín non cre no humor gráfico de usar e tirar. Aspira a facer obras de arte", actualizando as formas tradicionais da arte popular galega.

Comentarios