Xaquín Marín volve á orixe en Fene

Hoxe inaugúrase no Museo do Humor de Fene unha retrospectiva da obra de Xaquín Marín, un pioneiro do cómic na Galiza cuxo estilo enlaza coa mellor tradición gráfica galega. A antolóxica, que poderá visitarse até finais de xuño, mostra o seu traballo desde as primeiras pinturas até o cómic, pasando pola viñeta e a ilustración. 
Xaquín Marín recibindo o Premio da Crítica Galicia de Artes Plásticas e Visuais, nunha imaxe de arquivo.
photo_camera Xaquín Marín recibindo o Premio da Crítica Galicia de Artes Plásticas e Visuais, nunha imaxe de arquivo.

O ano pasado, o xurado dos Premios Rosalía de Castro de Lingua destacaba na acta que lle outorgaba o galardón a Xaquín Marín "o compromiso continuado, o alcance social do seu traballo e o facer humor gráfico nun contexto histórico de especial dificultade en plena ditadura franquista e en medios de comunicación nos que a presenza do galego era residual". É un resumo axustado pero que apenas fai xustiza -sería imposíbel condensala nunhas poucas liñas- a unha traxectoria prolongada no tempo a quen se lle deben algúns dos fitos fundacionais do humor gráfico e da banda deseñada da Galiza. 

Hoxe inaugúrase no Museo do Humor de Fene unha exposición retrospectiva sobre o artista -Volta á orixe- que tentará dar conta do seu labor como pintor, ilustrador e humorista gráfico e, tamén, como defensor da identidade e da lingua. 

Pioneiro da banda deseñada 

Xaquín Marín naceu en Ferrol en 1943 pero axiña se trasladou xunto coa familia ao sitio exacto onde hoxe se levanta a Casa da 
Cultura de Fene. Alí, en 1984, fundou o Museo do Humor –o primeiro da península ibérica e un dos poucos no mundo no seu xénero– que agora lle dedica esta retrospectiva e que dirixiu até 2008. 

A mirada cáustica e, por veces case filosófica, das viñetas de Marín convertérono nunha das figuras máis relevantes do humor gráfico do país -o máis relevante desde Castelao, a xuízo de moitos estudosos-, cun estilo, ademais, fortemente enraizado na tradición plástica galega. 

A súa vocación primeira foi a de pintor, mais o encontro con Reimundo Patiño  fixo que se interesase no cómic. Figuraría a partir daquela como pioneiro da banda deseñada do país despois de 1936, ao publicar a primeira historieta na prensa ("O emigrante", publicada na revista Chan en 1971) e ser coautor -xunto con Patiño- do primeiro álbum de cómic en galego, o célebre 2 viaxes, publicado inicialmente en 1975 e reeditado recentemente pola editorial Elvira. 

A particular perspectiva coa que ve o mundo permitiulle contar a través do debuxo, as mudanzas experimentadas pola sociedade galega ao longo de case seis décadas. Detrás da súa obra existe sempre unha mirada fondamente compasiva que denuncia a deshumanización da sociedade contemporánea e os males que ameazan á Galiza en particular: o caciquismo, a emigración, a desaparición da lingua, o desarraigo cultural, a destrución do medio natural, o machismo ou a renuncia á identidade propia son temas habituais das súas viñetas, sempre cunha ironía que cuestiona a falsa modernidade e unha idea espúrea de progreso. 

 

A obra de Marín publicouse en numerosas publicacións galegas como Chan, Teima, A Nosa Terra, El Ideal Gallego e La Voz de Galicia (onde debuxa una viñeta diaria desde 1988); noutras do resto do Estado como  Hermano Lobo, La Codorniz, Interviú, Posible, Diario 16, Pueblo o SP; ou noutras como as francesas Le Telegramme (Morlais) e Ouest-France (Rennes), a portuguesa Trevim (Lousã) ou a mexicana Norte (Monterrey). Unha parte desta abondosa obra está recollida en escolmas como Alcacén para gaitas (Ediciós do Castro, 1980), Feito a man (Xunta de Galiza, 1997), Trinta e tantos con Xaquín Marín (Edición de autor, 2001) ou O humor desde Ferrol: Siro e Xaquín Marín (FerrolAnálisis, 2009). 

Marín ten recibido, entre outros, o Premio Galicia de Xornalismo (1984 e 1989), o Premio Galicia de Comunicación (1996 e 1997) ou o Premio da Crítica de Galicia en Artes Plásticas (2015).

Actividades arredor da obra 

A antolóxica do Museo do Humor, que poderá visitarse até o 29 de xuño, mostrará unha ampla selección da súa obra -unhas 150 pezas-, desde as primeiras pinturas ao cómic, pasando polas viñetas publicadas en prensa ou as súas ilustracións. Pero ademais, contará con outras exposicións paralelas: unha bibliográfica na Biblioteca Municipal Xosé María Pérez Parallé e outra de reproducións de viñetas do seu popular personaxe Isolino no Paseo Marítimo de San Valentín. 

O 12 de maio, para completar o evento, o autor manterá un encontro aberto co investigador Félix Caballero, e o 27 do mesmo mes, desenvolverá unha conversa co pintor Antón Patiño e co deseñador Pepe Barro. 

Un estilo inconfundíbel alicerzado na mellor tradición plástica galega

Os estudosos detectan na obra de Marín as características que Luís Seoane e Reimundo Patiño consideraban recorrentes na tradición plástica galego: hieratismo, aparencia pétrea, tratamento esquemático das figuras, formas redondeadas, volumes simétricos... Ademais, o detalle dos primeiros planos, a coidada composición da viñeta, o coidado dos fondos e a orixinalidade dos bocadillos son tamén características que o dotan dunha personalidade inconfundíbel.

Comentarios