Contracultura

Francisco Coímbra: "É ben coñecida a dimensión internacional do galego e a novela subliña ese tesouro en común"

Francisco Coímbra, madrileño de nacemento e galego de adopción, publica a súa segunda novela en lingua galega, 'Unha saca de patacas' (Xerais), unha historia lingüística mais tamén sobre a precariedade e a supervivencia.
Francisco Coímbra é licenciado en Filoloxía Románica e ten un doutoramento en Estudos da Tradución. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Francisco Coímbra é licenciado en Filoloxía Románica e ten un doutoramento en Estudos da Tradución. (Foto: Nós Diario)

—Como xurdiu a historia de Unha saca de patacas?
Tiven a idea de Unha saca de patacas cando aínda estaba a escribir Crónica Córnica (Xerais), cando constatei a curiosa coincidencia semántica entre a pataca tubérculo e a pataca moeda, unha divisa que estivo en circulación en varios lugares e que hoxe é oficial na Rexión de Macau. En cales circunstancias alguén podería trocar un saco cheo de balocas por un saco cheo de diñeiro? Esa escena –un chisco absurda– só podería acaecer en Macau, iso fíxome escoller a localización da novela.

Cumpriu entón atopar unha narración que permitise levar un personaxe galegofalante até aquela latitude e pór en contacto os dous sentidos da palabra. Na edición final do libro, apuxemos a cita do dicionario da Real Academia Galega coas dúas definicións do termo ‘pataca’ no íncipit para compartir coas lectoras e os lectores ese duplo sentido xa no comezo, dándolles unha vantaxe fronte aos personaxes que o ignoran.

Mentres que en Crónica Córnica afondei nun personaxe colectivo, neste caso puiden facelo na construción duns poucos personaxes, de maneira que creo que é máis doado estabelecer un elo afectivo e entender as súas traxectorias. 

—O conflito inicial é eminentemente lingüístico, o cal non é de estrañar tendo en conta a súa traxectoria académica.
Primeiramente temos a protagonista, que é galega e vai visitar a súa sobriña á China levándolle as patacas coma agasallo da terra. A ela vanse sumando unha camareira mozambicana, dous empregados brasileiros, unha guía turística chinesa, un portugués vedraño e un libreiro de Goa; todos eles vencellados por algo que chamo ‘as palabras da tribo’.

Nese sentido, a nosa lingua é unha das protagonistas da novela, se cadra das máis importantes. Certamente, hai grandes diferenzas entre os personaxes; porén, ese acervo lingüístico común lles abre posibilidades para o entendemento mutuo. Así, a nosa lingua abrangue a súa diversidade en diálogo con outros idiomas, mesmo con algúns moi diferentes, como o mandarín e mais o cantonés. Amais, a fala da protagonista caracterízase por fortes trazos dialectais do bloque oriental e marcas da oralidade, un recurso que permite identificar na lectura a súa voz e diferenciala do estilo e das formas normativas do narrador.

Os personaxes que falan portugués, pola súa parte, empregan diferentes normas: a europea, a brasileira e a mozambicana. Xa a sobriña da protagonista é unha rapaza cosmopolita que usa o inglés ou o castelán, mais cara ao final da narración comprende o valor do galego e decide adoptalo. É ben coñecida a dimensión internacional do galego e as posibilidades para a comunicación que nos abre, a ficción da novela quería subliñar este tesouro que temos en común. Definitivamente a lingua é unha das grandes forzas que me moven como narrador.

—Fálase moito do luxo, mais tamén das persoas que viven á marxe deses excesos.
As contradicións económicas e sociais do noso mundo son o segundo grande eixo da novela encarnadas, de certa maneira, por Macau polo feito de ser hoxe un verdadeiro monumento ao gasto absurdo e descontrolado do capitalismo dentro dun país que se di de economía planificada e comunista. Na novela aparecen os turistas que gozan de todo ese luxo mais de forma secundaria xa que a atención se dirixe a esoutros personaxes que co seu traballo fan posíbel este luxo sen medida: guías turísticas, camareiras, carrexadores de maletas, etc.

Eles fan as súas vidas de formiga tentando sobrevivir nas marxes que tales sistemas deixan. Este eixo discorre sobre os privilexios e as opresións que habitamos por mor da nosa orixe ou da nosa condición. A miña narrativa deveza por ser un berro a prol da diversidade humana que nos constitúe e contra a desigualdade social que nos instrumentaliza. Oxalá que o público se sinta interpelado.

Comentarios