Mariño é autor dunha das obras máis vendidas dos últimos meses, Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo (Xerais). E para el, en Rosalía está a razón última do idioma en que o redactou: “Principalmente escribindo os seus poemas, deulle valor á lingua”. “Serviume para me aferrar ao desenvolvemento histórico modernos da lingua galega”, engade.
O biólogo, especialista en neurofisioloxía e profesor na Universidade da Coruña, non lembra cando a poeta apareceu na súa vida. “Xa estaba aí. Eu pertenzo a unha xeración que xa estudou galego na EXB e non teño un recordo concreto”. Si sabe, porén, cales dos seus poemas lle enchen o ollo.
“É pouco obxectivo, mais para min son fundamentais os poemas aos que lles puxo música Amancio Prada. Son incapaz de lelos sen ter na cabeza esas melodías”. O histórico disco Rosalía de Castro, publicado en 1975, inclúe musicacións de textos como Campanas de Bastabales, A xustiza pola man, Adiós ríos, adiós fontes, ou ¿Quen non xime? Con exquisitos arranxos acústicos, estas cancións mudaron en clásicos da tradición folk e pop de Galiza.
“Cando coñezo a algún escritor e logo leo a súa obra, non podo deslindala da súa voz. Os poemas de Rosalía que canta Amancio Prada”, esténdese, “teñen unha forza especial, un lirismo especial. E eu xa non os podo afastar das cancións Gústame esa relación entre música e poesía”.