O filme ‘Reboiras. Acción e corazón’ chega aos cines logo do seu éxito en Imo

Este 12 de agosto, día en que se fan 45 anos do asasinato de Reboiras en Ferrol, o Cinema Duplex acolle a estrea do filme nesta mesma cidade. A partir do 13, chega á sala Numax, en Compostela, até completar as sete cidades e cabeceiras de comarca.

Lois Ríos, Carme Entenza, Pilar Allegue, Nemésio Barxa, María Antonia Pérez, Xosé Lois Ledo e Vicente Vázquez son militantes históricos do nacionalismo e algúns deles son protagonistas do filme.
photo_camera Lois Ríos, Carme Entenza, Pilar Allegue, Nemésio Barxa, María Antonia Pérez, Xosé Lois Ledo e Vicente Vázquez son militantes históricos do nacionalismo e algúns deles son protagonistas do filme [Foto: Paula Cermeño].

Con cariño, emoción e aplausos recibiu o público o filme ‘Reboiras. Acción e corazón’ na súa preestrea na noite deste sábado 8 de agosto en Imo (Dodro), lugar natal de Xosé Ramón Reboiras Noia, cuxa vida e acción é trasladada ao cinema nesta película documental da man do director Alberte Mera García (Vigo, 1987).

Gardando as medidas de seguridade sanitarias, case un cento de veciñas e veciños de Dodro asistiron á preestrea da longametraxe documental, así como membros da familia Reboiras, integrantes do equipo artístico e técnico do filme e varios referentes históricos do nacionalismo galego que compartiron vivencias de primeira man con Moncho Reboiras.

A exhibición estivo precedida polas intervencións do alcalde de Dodro, Xavier Castro, e o tenente de alcalde, Xoán Mariño; en nome do concello que en 1975 viu nacer Moncho Reboiras e que organizou esta preestrea. Tamén interviu o deputado provincial da Deputación da Coruña Xosé Lois Penas. Logo da proxección, foi a quenda do coloquio co director. Mera compartiu co público o proceso de creación da obra, desde os traballos de investigación e recompilación de materiais históricos até a elaboración do guión, a preparación das entrevistas e a rodaxe da ficción e o proceso de edición. Aliás, o director agradeceu todo o apoio da Fundación Terra e Tempo de Estudos Nacionalistas, entidade produtora do filme, e agradeceu o traballo de todo o equipo da película e das persoas que participaron do micromecenado por faceren posíbel unha obra que “rompe co silencio da historiografía oficial” e que pretende “divulgar a figura e o contributo de Reboiras en prol dunha Galiza libre e xusta”.

Á preestrea asistiu tamén o actor Daniel Celester, que interpreta a Moncho Reboiras, Daniel Prieto e mais a actriz Lidia Veiga, que completan o elenco con Carlota Mosquera e Sergio Alfonso.

Ferrol e Compostela

Foi na madrugada do 12 de agosto de 1975 cando a policía da ditadura franquista asasinaba en Ferrol o dirixente da clandestina Unión do Povo Galego (UPG) Xosé Ramón Reboiras Noia. Nesa mesma data e cidade, pero en 2020, cando se fan os 45 anos dos tráxicos feitos, estrearase o filme ‘Reboiras. Acción e corazón’.

Este filme, o primeiro que se fai sobre o histórico nacionalista, estrearase no Cinema Duplex de Ferrol, nunha primeira sesión ás 17 horas e nunha segunda ás 17.30. As entradas xa están á venda na web da sala. Aliás, após a proxección, haberá un coloquio co director sobre o documentario, unha obra que achega á pantalla un retrato fiel de Moncho Reboiras.

O 13, 14 e 15 de agosto, o filme estrearase en Santiago de Compostela, no Cinema Numax, tamén ás 17 horas. Na primeira sesión, a do día 13, haberá un coloquio posterior co director do documentario. As entradas xa se poden adquirir a través da web de Numax.

O filme estrearase en Ourense o 26 de agosto, no Cineclube Padre Feixoo; mentres que o 4, 5 e 6 de setembro estará nos Cines Codex de Lugo. O día 9 de setembro a estrea será na Coruña, con dúas proxeccións nas salas de cinema do Fórum Metropolitano.

18 de setembro haberá unha exhibición especial dentro do Festival Primavera do Cine en Vigo, e o 3 de outubro o documentario presentarese no auditorio de Ponteareas.

Será xa en novembro, cadrando co mes da memoria en Pontevedra, cando se exhiba o filme na cidade do Lérez.

Na web do filme, www.reboiras.gal no apartado de exhibicións, irase actualizando a lista de estreas con máis datas e salas onde se proxectará a obra.

A Fundación Terra e Tempo publicou o segundo trailer do filme, que achega unha mostra das secuencias de ficción que Mera rodou para o documental, así como un avance das entrevistas que este director tamén filmou ao longo do país e que narran a vida de Moncho Reboiras.

Participan, en total, 29 testemuñas directas que partillaron ou coñeceron o histórico nacionalista, como o propio irmán de Moncho, Manuel Reboiras, a súa curmá Lita Martínez, o escritor e ex secretario xeral da Unión do Povo Galego, Francisco Rodríguez; os escritores Xosé Luís Méndez Ferrín e Darío Xohán Cabana, ou a cineasta Margarita Ledo, até as propias persoas que se atopaban con Reboiras o 12 de agosto en Ferrol, e que el axudou a fuxir e salvar: Elvira Souto e Lois Ríos.

Comentarios