O filme 'Meirás, cambio de relato' reivindica "a presión social polo Pazo"
A Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo estreou esta sexta feira no salón de plenos do Concello de Sada (comarca da Coruña) o documental Meirás, cambio de relato. O filme realizouno a comisión de traballo de audiovisuais coa intención de contar "o proceso de reivindicación e de presión social" para conseguir a devolución do Pazo, como explica a Nós Diario o seu coordinador, Xosé Anxo Seoane.
"Quixemos contar esa historia que durou máis de 40 anos desde o punto de vista dos protagonistas e buscámolos para pórlles nomes e apelidos", indica. Así, pasaron diante da cámara durante os 32 minutos que dura este documental o que foi presidente da Comisión pola memoria histórica da Coruña, Manuel Monge; a voceira do grupo dos 19, Silvia Seixas: o ex alcalde de Sada, Abel López; o actual alcalde, Benito Portela; o historiador, Carlos Babío; a testemuña no xuízo por expropiación da casa familiar, Juan Babío, e a daquela vicepresidenta da Deputación da Coruña cando se creou a Xunta pro Pazo, Goretti Sanmartín.
Constancia na memoria
"A intención é que quede constancia para as futuras xeracións de quen foron protagonistas, quen estivo desde o principio e non se engadiu agora", aclara Seoane. Neste sentido, lembra como houbo un momento en que "á xente que reivindicaba a devolución do Pazo chamábaselle tola".
Para este profesor xubilado, ademais, foi toda unha satisfacción contar con dous ex alumnos no apartado técnico para poder levar adiante o proxecto. “Colaborou connosco como cámara e montador Javier González Garrido e a música é orixinal de Héctor Franco Ferreiro”, apunta Seoane.
O filme, despois desta estrea na localidade de Sada, poderá verse na canle de You Tube da propia asociación aínda que desde a comisión da entidade afirman que a idea é que "teña máis difusión, mesmo nos centros de ensino, para que se traballe a nivel educativo, estamos abertos a calquera proposta que nos chegue a partir de agora".
