Dez artistas galegas optan ao premio Mellor Música do Ano

O xurado de aRi[t]mar publicou a preselección.
Familia Caamagno. (Foto: Aigi Boga)
photo_camera Familia Caamagno. (Foto: Aigi Boga)

O xurado de aRi[t]mar deu a coñecer onte a preselección das cancións galegas e portuguesas que competirán para ser recoñecidas como as mellores do pasado ano 2022. Dez músicas de cada país optan a ser elixidas polo público como Mellor Música do Ano na Galiza e Mellor Música do Ano en Portugal. O prazo de votacións comezou onte e continuará aberto  na páxina de aritmar.gal até o vindeiro 27 de marzo. 

Evolución musical nas pezas seleccionadas

As cancións finalistas para o premio a Mellor Música de 2022 na Galiza son Ser 1 ser máis, de A Pedreira; Lamborghini, de Ataque Escampe; O teu Mandil, de Berto e Marinha; Xuntos, de Familia Caamagno, II. LISÍSTRATA (varre vasoira), de Fillas de Cassandra; Banharemonos nas Ondas, de LaMontagne & PicoAmperio; Coma Villanelle, de MJ Pérez; Para cando eu morra, de SÉS; A moura, de Sheila Patricia; e Paxaro do demo, de Xoel López e Baiuca. 

As dez cancións seleccionadas exemplifican a evolución musical vivida na Galiza nos últimos anos e confirman "o momento de notoria capacidade expresiva que vive actualmente a música galega", indican desde aRi[t]mar.  

Na preselección conviven a recuperación da tradición oral, o rock and roll de corte garage, hibridacións fillas da electrónica e do rap, folk con miras eclécticas, o pop máis directo e moitas outras variedades.

No caso de Portugal, os temas nominados a Mellor Música de 2022 son Dilúvio, de A Garota Não, Chamada Não Atendida, de Bárbara Tinoco; Vai Lá, de Carolina Deslandes; Povo pequenino, das Fado Bicha, Filha da Tuga, de IRMA; Dança de um dia normal, de Miguel Araújo; Amanhã, de Os Quatro e Meia; Que O Amor Te Salve Nesta Noite Escura, de Pedro Abrunhosa con Sara Correia, e Retimbrar coa súa canción Maçãzinha interpretada con Uxía.

O proxecto aRi[t]mar

aRi[t]mar é un proxecto didáctico cultural desenvolvido inicialmente pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, que ten por obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesa actuais, e achegar a cultura e a lingua dos dous países no marco do desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento do ensino do portugués e vínculos coa lusofonía.

Comentarios