Contracultura

Fillas de Cassandra: "Na música galega estase tocando unha fibra que estaba adormecida pola época ditatorial"

María Soa e Sara Faro, compoñentes de Fillas de Cassandra, falan do seu nacemento como grupo e a súa busca para atopar o son e o nome que as define. Despois dun verán percorrendo Galiza coa súa música falan da acollida do público e doutras artistas nun panorama musical que, como di Sara Faro, "pode ser unha moda, pero cantas máis persoas se sumen poderemos ser as suficientes como para sostelo no tempo".
Fillas de Cassandra está formada por María Soa e Sara Faro. (Foto: Xavi Iglesias)
photo_camera Fillas de Cassandra está formada por María Soa e Sara Faro. (Foto: Xavi Iglesias)

—Como xorde Fillas de Cassandra?
María Soa: O pasado verán houbo unha serie de feminicidios e organizáronse unhas xornadas feministas en Vigo. Chamáronme a min individualmente como María e a Sara por outra parte. Propúxenlle cantar unha canción xuntas e mentres ensaiábamos e probábamos o son viñeron preguntarnos como se chamaba o grupo. Así decidimos que por que non facer un de verdade.

—E por que escoller ese nome en concreto?
Sara Faro: Iso foi cousa de María, porque ela tiña unha predilección moi especial pola palabra fillas.

M.S.: Temos a sorte de que as nosas nais e avoas estiveron implicadas coma nós en diferentes loitas. Para min ser ‘filla de’ era importante. Ao estudar teatro tamén hai unha parte da mitoloxía clásica que me chama a atención e que cría que podía servirnos para reivindicar desde unha perspectiva feminista. A figura de Cassandra aparece nun poema como unha muller castigada por negarse a seguir mantendo relacións sexuais con Apolo e a súa condena é predicir o futuro sen que ninguén a crea. Dalgunha forma todo isto resoaba nas nosas experiencias persoais 
como mulleres.

—O grupo naceu un pouco de casualidade. Ocorreu o mesmo co son que o caracteriza?
S.F.: A verdade é que si, foi moi natural. Eu fun pandeireteira e cantareira desde nena, isto fai que as coplas que saen ao compoñer teñan unha estrutura moi tradicional. Isto mesturado co mundo da música clásica de María con sintetizadores no piano e as bases que está a facer Berto trae a electrónica.

M.S.: Estamos nun momento no que se atinxe a ver a música tradicional galega mesturándose con músicas actuais e modernas. O movemento que está habendo tamén fai que se vou a un concerto de alguén e me gusta o que fai me dean ganas de probar a facelo eu, ver como soa comigo. Xuntas vimos que estaba saíndo esta mestura e que nos encantaba. 

—É unha forma de buscar inspiración noutras artistas.
M.S.: Estamos tendo moita sorte non só polas persoas que nos escoitan, senón tamén pola acollida que nos dan persoas que xa estaban no panorama musical. Eu son a teclista da banda de Berto e cando lle falei deste proxecto gustoulle un montón. Estamos gravando o primeiro disco, Acrópole, e como queríamos introducir a electrónica deixounos o seu estudo para gravar, facer unha produción con el, e ademais convidounos a cantar un tema nos seus concertos. Coa Banda da Loba coincidimos de casualidade no Terraceo e foi un frechazo. Volvemos estar con elas no Festivala: Mulleres creando e era como sentirse en casa. Tamén se nota moitísimo cando tocas nun festival no que a xente sabe cal é a intención.

S.F.: Somos conscientes de que chegamos a un lugar onde as persoas non nos coñecen de nada, tampouco ás nosas letras, pero moitas veces rematan cantándoas, tamén por esa influencia do tradicional que fai que algunhas coplas sexan sinxelas de repetir ou simplemente porque se senten identificadas. Penso que esta modernización que está tendo a música tradicional, que xa comezou con Aliboria e Xosé Lois, saca algo case primitivo que está nos galegos e nas galegas. Nós somos neofalantes e precisamente por isto estamos na loita e cremos que todo o mundo ten que facer o esforzo. Pode ser unha moda, mais cantas máis persoas se sumen poderemos ser as suficientes como para sostelo no tempo

M.S.: Ao final estas artistas están tocando unha fibra que estaba aí, adormecida por toda a época ditatorial e pola rotura da transmisión coa xente nova. Estabamos moi afastadas da tradición que as nosas avoas seguían tendo e temos a necesidade de contactar coas nosas devanceiras.

Comentarios