O festival Maré no Culturas360º, un evento global musical en liña

O festival compostelán forma parte dun evento mundial que decorrerá durante esta fin de semana na rede
Abraham Cupeiro
photo_camera O artista Abraham Cupeiro nunha imaxe promocional. (Foto: Nós Diario)

O festival compostelán Música e Artes Atlánticas (Maré) forma parte de Culturas360°, un evento global en liña no que participan nove festivais de catro continentes e que decorrerá durante esta fin de semana. 

Aos ritmos de países como Zanzíbar, Cabo Verde, México, Mozambique, Cuba, India ou o Canadá súmase o multiinstrumentista galego Abraham Cupeiro, que actuará xunto coa violoncellista Margarida Mariño e a acordeonista Sabela Caamaño

Culturas360° é unha iniciativa realizada por festivais como Sunfest do Canadá, o Festival Internacional Ollin Kan de México ou Mozambique Music Meeting, xunto co galego Maré e o certame portugués Artes á Rúa, entre outros. O seu obxectivo é promover a transformación social e a solidariedade entre os pobos.

No día de mañá poderase desfrutar das actuacións de MamaSonika (México), Kalimarimba (Chile), Septeto Santiaguero (Cuba), ÉTÉ (Canadá), Mitocoma (Mozambique) Pratik Shrivastava (India), Francisco el Hombre (Brasil), Khoomei Beat (República de Tuvá) e Triúnico (Portugal). De cara a mañá soarán os artistas Son Rompe Pera (México), Carmen Lienqueo (Chile), Morena Son (Cuba), Lemon Bucket Orkestra (Canadá), Cheny & Xixel (Mozambique), Abraham Cupeiro (Galiza), Maya Kamaty (Isla Reunión), Siti & The Band (Zanzibar) e Jenifer Solidade (Cabo Verde). Na Galiza, os concertos comezarán ás 16.00 horas.

O festival Maré, renacido do certame de Cantos na Maré, aposta polas sonoridades de Abraham Cupeiro, quen recupera instrumentos dun pasado remoto para crear músicas do presente. 

O multiinstrumentista destaca por ser unha das poucas persoas que toca o Karnyx, unha trompeta celta da Ideade de Ferro, e é impulsor dun instrumento ancestral da tradición galega: a corna. O seu interese pola organoloxía levouno a conseguir unha colección de máis de 200 instrumentos de todo o mundo e de distintas épocas. A súa arte ten unha visión poliédrica, que comprende a investigación, a creación, a interpretación e a construción dos elementos necesarios para chegar a esas sonoridades. 

Cupeiro ten colaborado con numerosas orquestras como a Real Filharmonía e a Orquestra Sinfónica da Galiza, Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, Royal Piharmonic Orchestra de Londres e a Orquestra de Vaasa de Finlandia, entre outras.

Comentarios